A funda Prynt converte os smartphones en cámaras Polaroid

luns, 14 de decembro do 2015 Marcus Fernández

No outono chegou ao mercado a cámara Polaroid Snap, que vén a ser unha cámara compacta moi básica que integra unha impresora Zero Ink (que crear instantáneas de 50 x 75 milímetros empregando un papel fotográfico especial) pero agora chega un interesante competidor a esta proposta, a funda Prynt, que tras trunfar en Kickstarter é por fin unha realidade (con varios meses de retraso) de xeito que xa están a aceptar reservas deste accesorio que integra unha impresora Ink a smartphones con Android e iOS.
Concretamente poden mercarse fundas Prynt en cor branco ou negro cun adaptador para iPhone 6/6S, iPhone 5/5S, iPhone 5C, Samsung Galaxy S5 ou Samsung Galaxy S4 a un prezo de 149 dólares incluíndo 10 papeis fotográficos (poden mercarse con 50 papeis por 25 dólares máis).
Dado que a funda Prynt emprégase cunha aplicación para iOS e Android, os responsables deste proxecto decidiron darlle un valor especial as imaxes capturadas a través da mesma, de xeito que, cando se saca unha instantánea coa aplicación, esta almacena tamén un vídeo dese momento, que pode verse dende a aplicación de Prynt cando enfocamos a unha das instantáneas en papel. Unha especie de solución de realidade aumentada que é o xeito de destacar deste produto, que consegue así engadir valor ás propias fotografías que se tomen co móbil, tirando proveito das aplicacións para smartphones e da nube, de xeito que o papel comportaríase como unha porta a un contido en liña.
Neste momento dende Prynt comprométense en entregar os seus accesorios para o móbil antes do Nadal, o que posiblemente sexa un dos grandes reclamos para as súas vendas inmediatas, esperándose que logo pase a comercializarse como un produto ordinario, tendo así que pasar a proba do mercado, moito máis dura que unha simple campaña de microfinanciamento que facilitou o nacemento deste produto.

A funda Prynt non serve só para os iPhone, senón que tamén é compatible con algúns smartphones con Android

Vídeo promocional da Prynt Case

PUBLICIDADE