A galega Drones Maritime achegará aos buques as vantaxes dos vehículos aéreos non tripulados
venres, 12 de febreiro do 2021
O
panorama de empresas innovadoras da nosa terra, concretamente do
sector aeronáutico-tecnolóxico, vénse de enriquecer cunha nova
incorporación, Drones
Maritime, segundo os seus impulsores “unha firma que suporá
unha revolución para o ámbito marítimo”. Drones Maritime xurdiu
da alianza entre a galega Aerocamaras, entrada en desenvolvemento de
drons de vangarda e formación, e Peninsula, provedor de combustíbel
mariño. Segundo fixeron saber, a empresa naceu para achegar todas as
vantaxes dos drons ás frotas de buques, “dende envíos loxísticos
até inspeccións técnicas a todo tipo de embarcacións, dunha forma
máis rápida, segura e eficaz que os medios tradicionais”.
Amais,
creará unha oferta de servizos de 360 graos realizando transporte,
inspeccións e audiovisual en portos e embarcacións, “provocando
un impacto inmediato na seguridade, a rapidez e o aforro económico
para os propietarios e os operadores de barcos”, explican dende
Aerocamaras, que neste novo proxecto achegará a súa experiencia e
bagaxe con traballos executados en máis de 15 países no eido
internacional.
A
nivel de operacións e funcionalidades concretas a desenvolver,
Drones Maritime centrarase en traballos como a realización de
inspeccións técnicas a barcos con cámaras HD, térmicas e
multiespectrales; até a entrega e recepción de documentos e
material en embarcacións.
A
compañía recentemente creada tamén está a explorar como vehículos
aéreos non tripulados máis grandes poderían entregar subministros,
mercadorías e pezas de até 200 kg de peso mentres a embarcación
permanece en tránsito, “o que aforrará tempo e diñeiro ao
propietario e ao operador”.
Jamie
Pereira Gil, fundador e CEO de Aerocamaras apuntaba: “Formamos
pilotos e operando drons en toda Europa durante máis de 7 anos. A
velocidade á que medrou esta industria é abraiante e estamos moi
orgullosos de asociarnos cunha empresa como Peninsula. Drones
Maritime centrarase no servizo ao cliente, garantindo transportes,
inspeccións e servizos audiovisuais marítimos da máis alta
calidade. O acordo permítenos continuar co desenvolvemento de
aplicacións de drons en escenarios do mundo real e axudar a reducir
o risco e aumentar a eficiencia a todas as empresas do sector
marítimo”.