A galega OpSeeker, primeira startup estatal no programa de aceleración Startupbootcamp fintech
luns, 2 de outubro do 2017
A
startup santiaguesa OpSeeker,
especializada en adestramento financeiro en liña, foi seleccionada
pola aceleradora de proxectos tecnolóxicos Startupbootcamp
para o seu programa de impulso empresarial destinado a firmas de nova
creación pertencentes aos aos sectores fintech e
ciberseguridade. Segundo nos contan dende OpSeeker, esta aceleradora
emprazada en Ámsterdam ofrece un programa de tres meses nesta cidade
e, dende alí, centra os seus esforzos en preparar ás novas firmas
seleccionadas para traballar con compañías financeiras líderes en
todo o mundo. Entre os socios da aceleradora atópanse Mastercard,
PwC, Lloyds, Rabobank, ING ou ABN Amro.
Nesta
edición, un total de 11 compañías foron seleccionadas entre as 541
solicitudes enviadas desde 73 países. Os equipos seleccionados
deberán “superar agora tres meses de duro traballo”, sinalan
dende Opseeker, explicando que ao remate deste camiño de
adestramento agárdalles o Demo Day, que será en febreiro do
2018 e que servirá para que as participantes presenten os seus
resultados a centos de startups, tech influencers,
mentores, socios e investidores. Recibirán tamén 15.000 euros de
investimento e, asemade, un espazo para traballar na capital
holandesa. Ademais, terán a oportunidade de traballar de xeito
conxunto con empresas como Rabobank, ABN Amor, ING, PGGM, Nationale
Nederlanden ou De Volksbank, entre outras.
En
palabras do director executivo (CEO) de OpSeeker, Gonzalo Camiña, “a
nosa proposta de mellorar a saúde financeira dos clientes das
grandes institucións financeiras non puido ter un mellor recibimento
en Holanda, un país que, malia o seu magnífico sistema económico e
financeiro, quere sempre mellorar a súa proposta de valor para o
cliente final”.
Segundo
engade, para o proceso de selección na Startupbootcamp foi clave a
participación de OpSeeker no programa Santander Yuzz, no que “fomos
elixidos gañadores do VIII Edición no Centro de Santiago de
Compostela”. Amais disto, tamén foi decisiva a concorrencia de
OpSeeker no programa de aceleración de ABANCA Innova by Conector.
“Sen estas dúas magníficas experiencias non poderiamos conseguir
entrar no programa de Startupbootcamp”, explica.
