A industria naval introdúcese na realidade virtual

xoves, 30 de xuño do 2016 Redacción

Onte desenvolveuse no Porriño a xornada Realidade virtual e realidade aumentada no sector naval, inserida na iniciativa Shipbuilding 4.0. Ao encontro (celebrado no Centro de Aplicacións Láser de AIMEN) asistiron unha trintena de empresarios e técnicos da industria, entre eles: AIMEN, GAIN (Axencia Galega de Innovación) e ACLUNAGA, cuxo obxectivo foi dar a coñecer solucións tecnolóxicas avanzadas de realidade virtual e aumentada con aplicación en construción naval, e promover encontros entre provedores de tecnoloxía e potenciais usuarios. Trátase dunha técnica novidosa, sinalaron os organizadores do evento, con alto grao de penetración noutras industrias, como a do motor ou a aeronáutica.
Na xornada, José Luis de Nicolás Sánchez, técnico de CIS Galicia, presentou diferentes aplicacións de realidade virtual aumentada na industria, así como o seu equipamento avanzado e os recursos de apoio que proporciona este centro, integrado na GAIN, para testar e incorporar estas tecnoloxías innovadoras en empresas do sector naval.
Pola súa banda, Miguel Vilar Montesinos, xefe do Departamento de Sistemas para a Enxeñaría de Navantia, explicou a experiencia da compañía como usuaria desta tecnoloxía. Pois contan con dous centros de deseño virtual, nos que realizan simulacións para revisar as estruturas dos buques, o seu mantemento, a formación dos operarios ou a planificación da produción, entre outras actividades.
Alberto Luaces, do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica da Universidade da Coruña presentou distintas aplicacións industriais da simulación virtual en deseño, prototipado e adestramento que realizan para sectores como o biomédico, a automoción ou a pesca, entre outros.
Asemade, provedores de tecnoloxía como Sener e ESI Group amosaron como a realidade virtual pode ser unha ferramenta eficaz en tarefas como a formación do persoal de produción, en actividades de mercadotecnia e vendas para a exhibición do produto ao cliente final, ou para a revisión do deseño. Do mesmo modo, Indra presentou os seus avances en simulación de operacións mediante serius games (semellante a un videoxogo) que ten como finalidades formar e avaliar aos operarios na realización de distintos procesos mediante a inmersión en realidade virtual.

PUBLICIDADE