A integración tecnolóxica da nova caixa galega rematarase nun prazo máximo de 18 meses

mércores, 1 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Estes días no medios fálase moito da fusión das caixas galegas, incluída a incursión de representantes da banca ética na presentación da nova entidade financeira resultante, pero sen afondarse moito nun dos detalles da fusión que máis complexidade achega: a integración tecnolóxica das plataformas e recursos informáticos das dúas caixas. De feito, tal é a complexidade da tarefa que se estima en 18 meses o tempo preciso para o remate do proceso, tempo máximo, iso si. Para comezar, semella que os clientes das dúas bancas non van saír prexudicados no que se refire a uso indistinto das mesmas para a extracción de diñeiro: suprímense as comisións entre as dúas entidades, incluídas as dos caixeiros. Asemade, a partir deste 1 de decembro, a plataforma tecnolóxica da nova caixa galega permitiralles aos seus usuarios (máis de tres millóns de cidadáns) levar a cabo as operacións habituais en calquera das oficinas, o que se estima un paso previo para a integración definitiva que se espera ultimar en 18 meses.

Até o día en que remate o proceso, engaden dende a nova caixa, os Centros de Procesos de Datos (CPDS) das entidades ficarán en estado de intercomunicación permanente, de maneira que terá carácter diario o replicamento das bases de datos de clientes en tódalas oficinas. Con isto, informan, conseguirase que o persoal das sucursais teña ao alcance da man as posicións dos seus clientes tanto en Caixa Galicia como en Caixanova, podendo atender as demandas destes con independencia da entidade de orixe. Con todo, e tendo en conta a complexidade de todo o proceso da que falamos ao comezo, haberá operacións que non poderemos levar a cabo nas oficinas da entidade da que nun comezo non fomos usuarios, por moito que teimemos en facelas. Por exemplo: amortizar empréstemos, valores ou actualizar as libretas nos caixeiros.

“A nova caixa conta cunha plataforma tecnolóxica de primeiro nivel en Galicia, con persoal técnico procedente das universidades galegas e é a única entidade financeira de Europa que posúe o nivel 5 en CMMI, o estándar internacional que mide a calidade no deseño de software”, sinalan fontes da nova entidade resultante. Para José Manuel Valiño Blanco, director de Sistemas e Procesos da caixa, toda esta calidade e esta experiencia permitirá levar a cabo “unha integración tecnolóxica no menor tempo posible e cos menores custes para que tódolos clientes poidan realizar as operacións de xeito indistinto en calquera oficina da rede comercial canto antes”.

PUBLICIDADE