A moeda Costavales de Santa Comba estrea aplicación móbil de seu

venres, 3 de xuño do 2016 Redacción

A moeda que circula no concello de Santa Comba, os Costavales, xa ten aplicación móbil de seu. Así nolo contan os propios impulsores da iniciativa dende o seu blog (os integrantes da asociación do mesmo nome), onde engaden que a ferramenta, amais de achegar información sobre o que temos entre mans, tamén permitiría facer intercambios de diñeiro a través dos nosos dispositivos. A aplicación e-Costavale dá soporte tecnolóxico, polo tanto, a unha moeda que circula no concello xalleiro dende mediados do ano pasado.
A súa finalidade é fomentar o comercio local, asegurar no tempo a saudábel práctica de mercar nos establecementos máis próximos e, tamén, atraer novos compradores doutras localidades. Tamén se busca, cos Costavales, potenciar a economía da zona no seu conxunto e fornecer liquidez ás empresas da contorna. O formato orixinal é de billete, con valores de 1, 2, 5, 10 e 20.
Para empregar a devandita aplicación o único que temos que facer é descargala para versión Android ou ben para iOS e logo poñernos en contacto cos impulsores da iniciativa a través da conta consultas@costavales.com, onde teremos que solicitar a nosa alta e achegar un nome e un número de móbil. Na oficina da Asociación Costavales pódense conseguir cartos electrónicos a cambio de euros ou de Costavales en papel. Asemade, é posíbel obtelos en calquera dos comercios e empresas adheridas, sempre e cando se teña saldo na conta.
Para sermos unha empresa que acepta esta moeda teremos que facer o mesmo cós usuarios de a pé: darnos de alta e, ademais, solicitar a nosa inclusión no directorio de empresas da web dos Costavales a través da devandita conta de correo.
Os Costavales electrónicos empréganse facendo pagos con eles a través da aplicación. Esta, segundo informa a asociación, está baseada no servizo de mensaxería instantánea Whatsapp. Deste xeito, explica a entidade, “para facer un pago simplemente teremos que elixir entre os comercios da rede ou da nosa listaxe de contactos, a quen llo queremos facer e mandarlle unha mensaxe coa cantidade que queremos aboarlle”.

PUBLICIDADE