A nova Gear 360 ultima o seu lanzamento comercial

luns, 8 de maio do 2017 Marcus Fernández

Tras a magnífica estrea en España dos smartphones Samsung Galaxy S8 e S8+ (que superaron nun 30% ás reservas que os móbiles insignia da compañía tiveron o ano pasado), quedaba por saberse cando teríamos dispoñible un dos seus amigos, a edición de 2017 da cámara Gear 360, e finalmente ábrese a súa reserva vía web, de xeito que a súa chegada ás tendas será inminente, podendo xa adquirirse directamente nalgún mercado europeo como o alemán.
A primeira cámara Gear 360 chegara a España en xuño do ano pasado a un prezo de 349 euros, e a edición deste ano non só está mellorada, senón que tamén reduce considerablemente o seu prezo até os 249 euros, facéndose moito máis accesible tanto en prezo como en número de dispositivos cos que é compatible, xa que desta volta Samsung sorprende incorporando compatibilidade co iPhone (mentres que en Android continúa a ser preciso contar cun smartphone de alta gama de Samsung).
Aparte do evidente cambio de deseño da nova cámara, que agora é máis ergonómica, a nova Gear 360 ten como a súa grande novidade que non só permite gravar vídeo envolvente en 4K, senón que dende a súa aplicación móbil tamén permite emitir en directo vídeo en 360 graos a través de Facebook e YouTube, abrindo así unhas posibilidade moi interesantes para os usuarios que queiran compartir o que teñen ao seu redor en tempo real.
A Gear 360 emprega un par de cámaras de ollo de peixe para rexistrar a imaxe o seu redor, realizando o cosido de ambas imaxes para a súa visualización envolvente de xeito que pode compartirse ao momento nas redes sociais compatibles con este formato, o que é unha vantaxe fronte a outras cámaras no mercado que precisan dun ordenador para procesar os ficheiros capturados. A nova cámara tamén integra unha tarxeta microSD (soportando tarxetas de até 256 GB) e a súa batería sería capaz de facilitar a gravación de até 130 minutos de vídeo envolvente. Tamén pode disparar fotografías envolventes de até 15 Mpíxeles, que aínda que é unha resolución menor que a da cámara do ano anterior, optouse por tal concesión para reducir distorsións co cosido da imaxe, de xeito que conséguese unha maior calidade.
A nivel de software a nova Gear 360 tamén conta con varias novidades interesantes, como poder disparar fotografías panorámicas con HDR, xeración de imaxes en formato Little Planet (un xeito orixinal e divertido de ver as fotografías envolventes) e gravación de vídeo en bucle (deste xeito, rematado o espazo na tarxetas microSD a cámara reescribiría os minutos máis vellos da gravación, de xeito que se deixamos a cámara gravando conectada a corrente teremos sempre as últimas horas gravadas cando volvamos á mesma).

PUBLICIDADE