A nova Raspberry Pi integra procesador de 64 bits, Bluetooth e Wi-Fi N

luns, 29 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Durante os últimos catro anos a Raspberry Pi iniciou toda unha revolución por achegar unha pequena placa con funcionalidades propias dun ordenador a un prezo ridículo, que facilita a creación de numerosos proxectos de robótica, domótica, automatización e incluso informática, chegando a vender máis de 8 millóns de unidades, de xeito que serían o ordenador máis vendido na historia do Reino Unido, e dende a Raspberry Pi Foundation anuncian agora unha revisión deste produto, a Raspberry Pi 3, que sae á venda a 35 dólares (o mesmo prezo do modelo anterior).
Esta nova Raspberry Pi ten unhas prestacións notables, xa que agora conta cun procesador ARM Cortex-A54 de 64 bit, catro núcleos e unha velocidade de reloxo de 1,2 GHz (que sería 10 veces máis potente que a Raspberry Pi orixinal), conservaría a compatiblidade cos modelos anteriores e integra (sen precisar de módulos adicionais) conectividade Wi-Fi N e Bluetooth 4.1.
Este novo modelo non supón a desaparición dos anteriores, que manteñen o soporte (para tranquilidade dos que están a desenvolver proxectos con tal hardware) e incluso manteñen á venda o modelo A+, versión de entrada de Raspberry Pi que ten un prezo de só 20 dólares, e que ao longo do ano actualizarase para contar tamén cunha Raspberry Pi 3 Model A.

PUBLICIDADE