A nova edición da Ourense ICC Week contará con Lucas Ordóñez como mestre de cerimonias
venres, 18 de marzo do 2022
O pavillón do colexio Mestre Vide de Ourense convertirase a fin de
semana do venres 22 de abril, no epicentro internacional dos torneos
de eSports da semana das Industrias Culturais e Creativas, a Ourense
ICC Week, organizada pola Deputación de Ourense.
O prato forte desta edición será o International Top Simracing (ITS
ICC Ourense), un torneo que contará coa participación dos oito
mellores pilotos nacionais e internacionais e cun premio de 1.000
euros. Entre os participantes atópanse o actual campión do mundo,
Valerio Gallo, Manuel Rodríguez, o ourensá Manuel Pérez, Nico
Romero, etc. O mestre de cerimonias do torneo será Lucas Ordóñez,
piloto español de automobilismo e campión da primeira edición da
GT Academy, unha competición do videoxogo Gran Turismo de
PlayStation 3.
A Ourense ICC Week tamén terá sesións abertas onde terán lugar
torneos para calquera público e totalmente gratuítos. O venres 22 de
abril comezarase con Clash Royale; o sábado e domingo
xogaranse o de FIFA 22, Fortnite, Dirt Rally 2.0 e Smash
Bros. En todos eles haberá premios e sorpresas importantes.
O programa complétase con música en directo, unha exposición de
vídeo-consolas retro, charlas divulgativas, sorteos, xogo
libre en consolas, e a participación en directo do artista ourensán
Mon Devane. As inscricións aos torneos serán antes do comezo dos
mesmos no propio pavillón ata completar as prazas e por orde de
chegada.