A nova película de Batman podería estrear a tecnoloxía BD-Live

venres, 8 de agosto do 2008 Marcus Fernández

En xaneiro xa advertiamos que os reprodutores de Blu-ray que se estaban a vender non estarían preparados para futuros títulos, xa que non incorporarían soporte para BD-Live, estándar para achegar aos reprodutores contidos da Internet. Iso si, os usuarios da PS3 non teñen ese tipo de problemas, xa que a actualización de marzo do seu firmware xa incorporaba a compatibilidade co perfil 2.0 de Blu-ray.
Pois agora parece que por fin van a saír eses novos títulos en Blu-ray que usen a tecnoloxía BD-Live, e os rumores apuntan a que a película que estreará estas prestacións será The Dark Knight (El Caballero Oscuro) que, aproveitará o seu éxito cinematográfico (xa é a película con máis recadación na súa estrea nos EE.UU.) para innovar no Blu-ray.
Entre outras cousas, a película podería permitir chatear durante e despois da película, abrindo unha porta a certo tipo de contidos que ata o momento non se asociaban coas producións cinematográficas, aínda que haberá que agardar a novembro ou decembro (cando se comercialice a película en DVD e Blu-ray) para ver se o BD-Live resulta atractivo para os consumidores.

PUBLICIDADE