A nova pulseira de actividade de Sony contará con monitor cardíaco

xoves, 20 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Sony presentou hoxe unha nova xeración da súa pulseira de actividade, a Sony SmartBand 2, que integra un acelerómetro e un monitor cardíaco, buscando así axudar a monitorizar o pulso e axudar así a controlar a actividade física xeral e incluso o nivel de estrés ao longo do día. A SmartBand 2 rexistra automaticamente actividades como camiñar, correr e outros tipos de adestramento, ligando a actividade ao ritmo cardíaco, e facilitando así que logo se poida analizar o progreso, comparar estatísticas e, especialmente, servir como elemento motivador para manter un bo nivel de actividade física.
Aparte de funcionar como pulseira de actividade, a SmartBand 2 tamén pode comunicarse co smartphone (é compatible con dispositivos a partires de Android 4.4 ou iOS 8.2), de xeito que emite unha sutil vibración e ilumina un LED de cores cada vez que se recibe unha notificación (para que non perdamos unha chamada, unha mensaxe ou un chío) e tamén permite controlar a reprodución multimedia mediante toques que permiten pausar ou saltar cancións. Outra interesante función é que a pulseira vibrará se o dispositivo co que estea vinculado se separa máis de 10 metros, evitando así que o deixemos esquecido en algún sitio.
A batería da SmartBand 2 pode cargarse nunha hora e dura uns 2 días; só pesa 25 gramos; conta con resistencia á auga IP68 e vai chegar ao mercado en setembro en cor branca e negra a un prezo de 119 euros, agardándose que máis adiante saian versións da pulseira en cor rosa e índigo.

A Sony SmartBand 2 estará dispoñible en 4 cores distintas

Vídeo promocional da Sony SmartBand 2

PUBLICIDADE