A plataforma galega Libra integra a nova versión de Vocollect, tecnoloxía referencial en solucións de voz

venres, 28 de febreiro do 2014 Redacción

A empresa galega Edisa informa esta semana dun novo proceso de ampliación e mellora do seu software empresarial Libra, un paquete de ferramentas de funcionalidades que xa ten presenza activa en dúas ducias de países de Europa e Latinoamérica, onde cobre os requirimentos a nivel contábel e fiscal en cada un destes mercados. Respecto ás melloras introducidas, trátase da integración da nova versión de Vocollect, tecnoloxía que entre outras cousas permite recibir comandos de voz por auriculares e máis a recollida de datos de xeito verbal.
Segundo informa a empresa galega, con sedes en Vigo e Ourense (departamento de I+D), Vocollect posibilita axilizar os traballos en áreas como o picking, “ao deixar marxe aos usuarios para ter as mans ceibas e poder realizar as súas tarefas cotiás, como por exemplo a preparación de pedidos”. E engade Edisa: “Estamos a falar de dispositivos de calidade industrial, dotados de gran robustez, resistentes ao frío e cunha gran facilidade e rapidez de uso, e que son de aplicación en múltiples sectores empresariais”.
A incorporación de Vocollect ao módulo de Loxística e Almacéns de Libra formalizouse a través dun acordo asinado entre a firma do mesmo nome e Edisa. Lembrar que Libra xa con referencias nas que se aplicou esta tecnoloxía desde hai aproximadamente 10 anos, pero, segundo informan os responsábeis da compañía galega, “nestes intres produciuse un importante avance en canto á tecnoloxía dos terminais e aos protocolos software, que permiten obter o máximo rendemento nas aplicacións que utilizan o recoñecemento de voz no ámbito loxístico”.

PUBLICIDADE