A pulseira Pokémon GO Plus venderase este verán por 39,99 euros

martes, 21 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Cada vez falta menos para que chegue o xogo Pokémon GO, que levará a realidade aumentada dende o móbil a un novo nivel de popularidade ao mesturar mecánicas propias de xogos como Ingress (xogo desenvolvido por Niantic que aproveita o GPS do móbil para que as súas actividades estean ligadas a posicións concretas no mundo real) e unha franquía de éxito como Pokémon, e para establecer unha maior ligazón entre a experiencia virtual e o mundo real será posible completar o xogo para iOS e Android cun accesorio chamado Pokémon GO Plus, do que xa temos detalles como que custará 39,99 euros e remitirase aos compradores nuns 14 días a partires da súa data de lanzamento, prevista para finais do mes de xullo.
Estamos ante unha pulseira que conéctase ao móbil a través de Bluetooth e que conta cun LED de notificacións e vibración para poder advertir ao xogador de acontecementos do xogo, como a aparición dun Pokémon nas nosas proximidades, facilitando así que os xogadores poidan atrapalo ou realizar outras accións sinxelas con só premer o botón integrado na Pokémon GO Plus.
A Pokémon GO Plus ten un tamaño de 46 x 33 x 17,5 milímetros e pesa 13 gramos incluíndo a súa pila de botón (CR2032) integrada, polo que será un accesorio que non será molesto de vestir. Non será preciso contar cunha pulseira para gozar de Pokémon GO, pero parece máis que probable que os xogadores máis intensivos non poidan pasar sen tal accesorio que supón unha importante vantaxe ao integrar o xogo con certa naturalidade ao seu día a día.

PUBLICIDADE