A relación entre os medios de comunicación e as TIC a debate en Vigo

luns, 30 de maio do 2011 Redacción

Enrique Varela, representante da Secretaría Xeral de Medios foi o encargado de inaugurar a xornada

Esta mañá tivo lugar no Auditorio da Zona Franca de Vigo unha xornada organizada pola asociación multisectorial das TIC, INEO, que levou por título TIC e Medios de Comunicación, e na que se debateu sobre as tendencias e o futuro inmediato da comunicación dixital e na que participaron representantes da Secretaría Xeral de Medios, a CRTVG, La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Xornal de Galicia, ElMundo.es, Código Cero e Meubook.
Enrique Varela, representante da Secretaría Xeral de Medios foi o encargado de inaugurar a xornada e fixo un repaso polo grado de implantación das TIC nos medios de comunicación de Galicia, tras o que chegou o panel de debate sobre Tendencias no sector das comunicacións: as mellores prácticas, no que tomaron parte Juan Martínez (El Correo Gallego), Miguel Magdalena (ElMundo.es) e Silvia Carregal (Xornal de Galicia), que analizaron o grado de implantación das TIC nos seus respectivos medios, coincidindo na necesidade de buscar novos modelos de negocio para satisfacer as demandas do lector e aproveiten as vantaxes das TIC.

A dicotomía entre edicións impresas e dixitais centrou un dos debates da xornada

Carlos Ballesteros (Código Cero), Fernando R. Ojea (CRTVG) e Tomás G. Morán (La Voz de Galicia) discutiron sobre a dicotomía Edición dixital vs edición impresa, coincidindo en sinalar a longa pervivencia dos soportes de comunicación e apuntando que as novas tendencias marcarán a evolución dos novos soportes dixitais.
Unha vez aberto o debate a oradores e público, puxéronse de manifesto cuestións como a velocidade dos cambios no sector da comunicación, o avance da penetración social da Internet e o auxe das redes sociais. Tamén sinalouse a necesidade de que os medios establezan relacións con empresas do sector TIC que desenvolven novas aplicacións e proxectos innovadores cos que atender ás novas necesidades na comunicación social.
Pechou a xornada Fernando Jiménez, director de Meubook, presentando a súa innovadora editorial virtual, que demostra como un sector tan tradicional como o da edición de libros pode renovarse para abrir novos mercados e ofrecer solucións a novas demandas do consumidor.

PUBLICIDADE