A semana que vén podería chegar ao mercado unha tableta 5G de Xiaomi
mércores, 22 de abril do 2020
Aínda que hai anos Xiaomi era un fabricante moi relevante no
sector das tabletas con Android, este tipo de produto perdeu moito peso no seu
catálogo, e para ver as últimas tabletas temos que ir a hai un par de anos, cando
chegaron ao mercado as Mi Pad 4,
e agora semella que a compañía trasladará esta gama de produtos á súa marca
económica, Redmi, se atendemos á filtración do Redmi Pad 5G.
Falamos dunha tableta que presentarían o vindeiro día 27 e que contaría cun
procesador Qualcomm Snapdragon 765G con conectividade 5G, pantalla cunha velocidade
de refresco de 90 Hz, 4 altofalantes, cámara graseira de 48 Mpíxeles, batería
con carga rápida de 30 watts, unha versión adaptada a tabletas de MIUI 12 e un
prezo realmente competitivo: 1.999 iuans (261 euros).
O lanzamento desta tableta podería ser moi interesante xa que introduciría o
concepto de tabletas económicas con 5G, o que resulta moi interesante para usuarios
que consumen contidos en mobilidade e que queren gozar das últimas tecnoloxías
ou, simplemente, mercar un dispositivo móbil coa previsión de que vaia durar
bastantes anos. De confirmarse a filtración tamén quedaría pendente de ver se o
produto chegaría oficialmente a Europa, o que sería unha agradable sorpresa, xa
que sería a estrea oficial das tabletas de Xiaomi no noso territorio.