A serie Xiaomi 12 chega ao mercado español

martes, 15 de marzo do 2022 Marcus Fernández

O último evento de Xiaomi serviu para presentar globalmente os novos produtos da compañía chinesa que lidera as vendas de móbiles en España e que xa se presentaran inicialmente para o mercado chinés. Falamos dos novos Xiaomi 12 e Xiaomi 12 Pro, novos móbiles insignia que estarán acompañados polo Xiaomi 12X, que será o dispositivo de entrada desta gama alta, vendéndose a 699,99 euros con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento.
O Xiaomi 12X chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 870, pantalla Full HD+ AMOLED de 6,28 polgadas cun refresco de 120 Hz, cámara traseira tripla cun sensor principal estabilizado de 50 Mpíxeles, cámara frontal de 32 Mpíxeles, NFC, 5G, Wi-Fi 6, Bluetooth 5.1, altofalantes duais con Dolby Atmos, batería de 4.500 mAh con carga rápida de 67 watts. Un móbil moi completo e cun deseño moi coidado, que podemos ver como a opción de referencia para a meirande parte dos usuarios que simplemente queren un móbil de gama alta.
O Xiaomi 12 quere ir un paso máis adiante, polo que incorpora un procesador Qualcomm Snapndragon 8 Gen 1, carga rápida sen fíos a 50 watts e carga inversa sen fíos a 10 watts. En definitiva, un móbil máis completo que está á última, o que supón prezos máis elevados: 799,99 euros o modelo con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno, e de 899,99 euros con 256 GB de almacenamento interno.
O Xiaomi 12 Pro sería o modelo definitivo da gama, que melloraría a pantalla para contar cunha resolución WQHD+ cun refresco dinámico de 120 Hz, unha cámara traseira tripla con 50 Mpíxeles en todos os sensores e batería de 4.600 mAh con carga rápida de 120 watts, o que permite cargar o móbil ao completo en só 18 minutos. Este impresionante smartphone parte venderase a 999,99 euros con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, e a 1.099,99 euros con 12 GB de RAM.

Reloxo conectado

Adicionalmente Xiaomi tamén presentou o Xiaomi Watch S1 Active, reloxo deportivo con pantalla AMOLED de 1,43 polgadas, numerosos modos deportivos, resistencia á agua compatible coa natación, monitorización de osíxeno en sangue durante todo o día, monitor de frecuencia cardíaca de 24 horas, GPS, a posibilidade de facer chamadas telefónicas por Bluetooth, pagamentos sen contacto compatible con Mastercard, compatibilidade co asistente de voz Alexa e batería cunha autonomía de até 12 días de uso normal e 30 horas en modo GPS. O seu prezo é de 199,99 euros.

Auriculares con cancelación de ruído

Outros produtos que porán á venda nos vindeiros días serán os auriculares Xiaomi Buds 3, que por 129,99 euros prometen unha grande calidade sonora, cancelación de ruído activa (con 3 modos de cancelación e modos de transparencia) e unha autonomía de até 7 horas ampliable até 32 horas co estoxo de carga que tamén soporta carga sen fíos. Para usuarios máis esixentes chegan os Xiaomi Buds 3T Pro, que prometen son de alta fidelidade, son envolvente e un modo de transparencia dobre que permite conversar libremente mentres se empregan estes auriculares que teñen un prezo de 169,99 euros.

PUBLICIDADE