A tableta Chuwi Hi12 sorprende polo seu grande tamaño e funcionar con Windows 10 e Android

mércores, 27 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

É difícil que un fabricante chinés de tabletas que non sexa Xiaomi consiga expectación ante un lanzamento, pero Chuwi conseguiu facer tal coa súa Hi12, que mañá verá a luz nunha conferencia de prensa, aínda que non se espera ningunha sorpresa, xa que este trebello que que funciona con Windows 10 e Android 5.1 (conta con arranque dual) xa ten as súas especificacións publicadas dende hai semanas e incluso hai tendas en liña que aceptan reservas, polo que só falta que comece a súa distribución para atender unha previsible alta demanda.
Cal é o interese da Chuwi Hi12? Pois resulta que esta tableta de 0,89 centímetros de grosor e 852 gramos de peso opta por contar cunha pantalla IPS de 12 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.440 píxeles, o que resulta moi atractivo para os que busquen facerse cun iPad Pro polo seu factor de forma, pero vexan como é posible adquirir un dispositivo semellante pola terceira parte do seu prezo, e contando cunhas prestacións bastante aceptables.
A Chuwi Hi12 conta cun procesador Intel Atom X5 Z8300 de catro núcleos a 1,44 GHz, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de até 64 GB), cámaras de 5 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth, saída micro HDMI, conectores USB 2.0 e 3.0 (permitindo incluso a conexión dun disco duro externo, algo que a meirande parte das tabletas non son quen de facer por non achegar enerxía dabondo a través dos seus portos USB), e unha batería de 11.000 mAh (suficiente para reproducir vídeo durante unhas 4 horas, e que para un uso combinado podería chegar até 6-8 horas). Tamén conta cun porto para o uso dunha base con teclado que previsiblemente acompañará a esta tableta como accesorio no seu lanzamento (para permitir utilizar a tableta como un ordenador portátil).
Aínda que o prezo de referencia desta tableta sería de 299 dólares, xa hai tendas en liña que a ofrecen a 249,99 dólares (229 euros) polo que estamos ante un produto moi atractivo para os que buscan un equipo que case consiga replicar a experiencia de lectura dunha revista en papel (polo tamaño da súa pantalla) e que poida funcionar ás veces como un ordenador portátil completo.

A Chuwi Hi12 semella un bo produto para uso ofimático e o lecer

PUBLICIDADE