A tableta Teclast X98 Pro contará cun procesador Z8500, 4 GB de RAM e Windows 10

venres, 21 de agosto do 2015 Marcus Fernández

O fabricante chinés Teclast leva un tempo impresionando en tendas en liña polas súas tabletas económicas con arranque dual Windows/Android con boas prestacións, e parece que vai levar a súa aposta aínda máis aló, ofrecendo un produto coas dimensións dos iPad actuais, a un prezo moi inferior, e funcionando con Windows 10. Falamos concretamente da Telecast X98 Pro, unha tableta que xa pode encargarse en liña a través de tendas en liña chinesas a un prezo duns 237 euros (o prezo chinés é de 1.399 iuans/194 euros) e que espérase que en setembro poida mercarse en Europa.
Sobre o papel este produto resulta moi rechamante, por contar cunhas especificacións moi elevadas xa que, aparte da súa pantalla IPS de 9,7 polgadas cunha resolución de 2.048 x 1.536 píxeles (o que Apple chamaría pantalla Retina) contará cun procesador Intel Atom X5-Z8500 de catro núcleos a 2,24 GHz (con tecnoloxía de 14 nanómetros), 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 64 GB, cámaras de 5 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, micro HDMI, altofalantes estéreo e batería de 8.000 mAh. Amais, falamos dun trebello ultra delgado (7,88 milímetros de grosor) cun marco de só 9,5 milímetros, un corpo dunha peza con estrutura de metal e un peso de 510 gramos. Un produto que sen dúbida se convertería nun supervendas de chegar da man dun fabricante de máis sona, xa que ofrece unha potencia propia dun ordenador portátil básico, pero co factor de forma dunha tableta, e sendo incluso capaz de mover vídeo en ultra alta definición.

PUBLICIDADE