A transformación dixital os concellos de menos de 20.000 habitantes progresa grazas á Deputación de Pontevedra

martes, 19 de setembro do 2023 S. P.

O proxecto de transformación dixital e modernización dos concellos de menos de 20.000 habitantes dá un paso adiante na Deputación de Pontevedra, pois a dita proposta conta cunha axuda de 2,52 millóns de euros dos fondos NextGenerationEu. Boa proba disto é a xuntanza que a deputada de Fondos Europeos, María Ramallo, mantiña cos alcaldes e representantes de 25 concellos con poboación inferior aos 20.000 habitantes para achegarlles información sobre esta iniciativa coa intención de que se adhiran ao convenio coa Deputación.
Segundo a deputada provincial é “unha grande oportunidade” que sexa a Deputación quen lidere este proxecto, “de tal xeito que non implique trámites administrativos” aos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Unha vez que os concellos subscriban o acordo de adhesión, os seguintes pasos deste proxecto, que ten concedida unha prórroga para o seu desenvolvemento até o vindeiro 30 de abril de 2024, pasan por formalizar o convenio para proceder a licitar as diferentes liñas de actuación. A primeira das liñas do proxecto consiste na posta en marcha dunha plataforma web/app de comunicación e xestión de incidencias, unha canle de comunicación bidireccional entre a cidadanía e o concello que permite a participación cidadá, a difusión de información e a xestión de incidencias. Asemade, a posta en marcha dun portal de transparencia que permita o acceso á información orzamentaria de maneira clara e ordenada, con toda a información sobre os gastos e ingresos do concello, que lle permita cumprir coa Lei de Transparencia.
A segunda das liñas consistirá no desenvolvemento dun sistema de xestión de órganos colexiados (videoactas), incluíndo subministro de equipo e software de emisión, gravación e almacenamento de reunións con autenticación dos vídeos. Así, os cidadáns poida seguir en directo ou baixo demanda os plenos do seu concello e as Secretarías Municipais dispoñan dunha ferramenta para xerar de maneira automática as actas dos mesmos.
Pola súa banda, a terceira das liñas consiste na posta marcha dun cadro de mando de indicadores da Axenda Urbana e Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que será unha plataforma de axendas municipais para visualizar, explorar, xestionar e analizar estes indicadores e os da Axenda Urbana Española (AUE) da provincia para poder facer un seguimento e trazar plans de mellora.
A cuarta liña consiste na provisión de equipamentos informáticos intelixentes para facilitar a mobilidade e a produtividade dos empregados públicos: un de tipo estándar dotado con capacidades para o desenvolvemento das tarefas ofimáticas máis habituais, e outro avanzado, de maiores capacidades para o desenvolvemento de tarefas técnicas que requiran prestacións superiores. Os concellos interesados poderán solicitar un máximo de 12 dos primeiros equipos e 2 dos segundos.
Tamén se dotará ao centro de procesamento de datos (CPD) da Deputación de novos servidores de altas prestacións para poder achegar servizos centralizados de almacenamento (cloud) aos concellos, e poder albergar tamén as ferramentas deste proxecto e a información que se xere. Por último, levarase a cabo a incorporación á Carpeta Cidadá da Administración Xeral do Estado, o que permitirá á cidadanía acceder de maneira autenticada á consulta dos seus expedientes.
p margin-bottom: 0.25cm; line-height: 115% a:link so-language: zxx

PUBLICIDADE