A web de Radio Sada, foco de información sobre o conflito do Pazo de Meirás

xoves, 20 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Se os Franco non deixan entrar nesas posesións das que terman tan desesperadamente coma un náufrago dun anaco de madeira, semella que sempre poderemos contar cos internautas galegos para faceren de guías (e coa Rede para facer de altofalante). Isto é máis ou menos o que está a acontecer coa web de Radio Sada e o disputado Pazo de Meirás ó que á dita familia semella estar ancorada con cadeas das que emprega a mariña mercante. O caso é que, segundo informa Vieiros estes días, a páxina da devandita canle ofrece todo tipo de material sobre o Pazo, dende vídeos obtidos de programas da TV ata documentación recollida do NO-DO e da biblioteca virtual Miguel de Cervantes, entre outra moitas achegas informativas.
Este material e o coidado co que se presenta en liña están a espertar un gran interese na comunidade internauta galega, que segue atenta a un caso que semella ir collendo xa feitura de culebrón, incluído o clásico fío argumental que soe acompañar a este tipo de historias: o dunha familia en decadencia. Sinalar que a web de Radio Sada tamén inclúe un apartado no que se convida á comunidade de internauta a votar pola declaración de Meirás como Ben de Interese Cultural.