AGalega fai balance do seu primeiro mes de actividade

venres, 16 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

O 17 de xaneiro abriuse oficialmente ao público a plataforma dixital AGalega, acompañada AGalega Audio e Xabarín (para os contidos de radio e infantís respectivamente), e neste primeiro mes de vida rexistraron 396 mil sesións repartidas en 125 países distintos. Tras España, que conta coa meirande parte deste rexistro, en segundo lugar sitúase os Estados Unidos, con case 6.000 sesións. Terceiro posto para Suíza, con máis de 5.000, e, en cuarto lugar, o Reino Unido, con 4.700. Por riba das 2.000 sitúanse Alemaña, Francia, A Arxentina, e logo seguen destacados Portugal, O Brasil, Holanda, México e O Canadá, todos eles por riba das mil sesións. Completan esta lista de 125 países algúns tan dispares como Seychelles, Togo ou Uzbekistán.
Pola súa banda, AGalega Audio contou con 70.000 sesións abertas neste período, e Xabarín con máis de 47.000. En total, máis de medio millón de sesións desde a posta en marcha da plataforma OTT dos medios públicos galegos.

Os contidos exclusivos son os máis vistos

O máis visto son as estreas das comedias nativas dixitais Na Gloria e Ghuasapp, que se poden ver en exclusiva na plataforma. A estas comedias seguen as longametraxes Jacinto, Cuñados e O que arde.
En AGalega Audio o máis escoitado nestes primeiros 30 días de vida é o programa de radio Pensando en ti, os contidos deportivos de Ao Contraataque, con Pedro Pablo Alonso, e o podcast de Cristina García, Superando a ficción.
Na App Xabarín, para os máis cativos, os contidos máis vistos foron a película gañadora do Goya Valentina, a tamén premiada nos Goya 2021 A galiña Turuleca e Sakura.
Dende a CRTVG aseguran que os contidos de AGalega van rotando e non están dispoñibles todos ao mesmo tempo, na procura dun servizo atractivo para o usuario, que pode rexistrarse para gozar das funcionalidades personalizadas e os avisos de contidos exclusivos da plataforma.
En total, AGalega incorpora a día de hoxe máis de 2.000 contidos audiovisuais que están a disposición da audiencia, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma.

PUBLICIDADE