AMPY, a batería externa portátil que se carga co noso movemento

luns, 13 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Correndo media hora podemos conseguir carga suficiente para que o noso smartphone funcione até 3 horas seguidas

Grazas a unha campaña de micromecenado en Kickstarter a partires de xuño de 2015 poderemos ver un cargador co que moitos soñaban dende hai tempo, o AMPY, que achega a súa carga do movemento do seu usuario, permitindo así que a nosa actividade física sirva para recargar o noso teléfono ou calquera outro trebello con entrada de corrente por USB.
Este curioso accesorio asegura que camiñando 10.000 pasos (considerado a media diaria dunha persoa), andando en bicicleta durante unha hora ou correndo durante 30 minutos poderiamos xerar a enerxía suficiente como para alimentar a un smartphone durante 3 horas, un smartwatch durante 24 horas e un monitor de actividade durante 72 horas.

A nosa actividade diaria é suficiente para achegar enerxía para cargar algún dos nosos trebellos mediante o AMPY

Dende Kickstarter podemos facernos cun destes trebellos por un prezo que parte dos 85 dólares (78,48 euros cos gastos de envío incluídos), ofrecéndose tamén en lotes un chisco máis caros que incluirían accesorios como unha funda protectora, unha pinza ou unha cinta para levar o AMPY no brazo. Tamén se ofrece o AMPY en lotes de varias unidades, conseguíndose así unha pequena rebaixa.
Como era de agardar, o produto en pouco máis dun par de días conseguiu superar a barreira dos 100.000 dólares que buscaba para completar o seu financiamento mínimo, e garantir que o produto vexa a luz o ano que vén, agardándose que o seu prezo de venda sexa superior que o que pagarán os mecenas que apoien o proxecto.

PUBLICIDADE