APods Pro: os AirPods Pro xa teñen clons chineses

luns, 11 de novembro do 2019 Marcus Fernández

A nova xeración de auriculares sen fíos de Apple, os AirPods Pro, déixanse notar polo seu novo deseño exterior e pola tecnoloxía de cancelación de ruído integrada, e ao igual que aconteceu cos AirPods ordinarios, só era cuestión de tempo que aparecesen clons de fabricación chinesa para atender a demanda de usuarios que non están realmente interesados en ter uns auriculares de calidade, senón en lucir un produto de moda.
Dende Gizmochina amosan como son uns APods Pro, uns auriculares que podemos describir sen medo como unha falsificación dos AirPods Pro, xa que imitan case á perfección á súa aparencia exterior (diferencialos a simple vista resulta complicado) tanto nos auriculares como no seu estoxo de carga, e incluso ao abrir a caixa enganan aos iPhone para presentar en pantalla o menú de conexión correspondente.
Ou sexa, que para miradas alleas os APods Pro serían uns AirPods Pro, de xeito que quen realmente notaría as diferenzas sería o usuario, que padecería uns auriculares con mala calidade de son e sen cancelación de ruído.
Estes auriculares chineses poden atoparse por menos de 50 euros, polo que claramente non poden ofrecer a mesma experiencia que uns auriculares de 279 euros, e aínda que o normal é que quen os adquira saiba exactamente o que está a facer, cómpre advertir da existencia deste tipo de clons para evitar posibles fraudes.

PUBLICIDADE