ARCHOS anuncia un tablet con Android 3.2 por só 199 euros

martes, 20 de decembro do 2011 Marcus Fernández

A compañía francesa de electrónica de consumo ARCHOS vén de anunciar o que considera que é o primeiro tablet con Android 3.2 que custará menos de 200 euros, o ARCHOS 70b Internet Tablet, que é unha versión mellorada do ARCHOS 70 IT Gen 8, que conta cunha pantalla táctil capacitiva actualizada e un potente procesador a 1,2 GHz.
O ARCHOS 70b Internet Tablet contará cunha pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, procesador a 1,2 GHz, 512 Mb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD) e saída HDMI, polo que estamos ante un dispositivo móbil avanzado, que goza de aceleración gráfica 3G, Wi-Fi e unha ampla oferta de aplicacións dispoñibles, pois aparte das ferramentas preinstaladas, tamén pode acceder ao Android Market.
Agárdase a súa chegada ás tendas este mesmo mes a un prezo de 199 euros, polo que converterase nunha interesante opción para agasallar en Reis, xa que un dispositivo deste tipo resulta ideal para acceder á Internet, xogar, ver vídeo ou ler libros e prensa.

PUBLICIDADE