ARCHOS comercializará un novo tablet de 13,3 polgadas pensado para o uso no fogar

luns, 4 de marzo do 2013 Marcus Fernández

A proposta de ARCHOS dun tablet de grande tamaño pensado para un uso familiar continúa a avanzar, e na súa páxina web xa figura a súa segunda xeración, que chegará en breve ás tendas a un prezo de 299 euros. O ARCHOS FamilyPad 2 é un tablet con pantalla de 13,3 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, cun procesador ARM A9 de dobre núcleo a 1,6 GHz, gráfica Mali 400 de catro núcleos, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), cámaras frontal e traseira de 2 Mpíxeles, saída mini-HDMI, un grosor de 11,6 milímetros, un peso de 1,3 quilogramos e sistema operativo Android 4.1. Tamén inclúe un soporte para facilitar a súa colocación para unha cómoda visualización de contidos multimedia.
Temos así unha atractiva solución que permite gozar de contidos nunha pantalla táctil cun tamaño propio dun ordenador portátil, pero coa comodidade dun tablet, resultando ideal para acceder á Internet, xogar, ver vídeos, realizar videoconferencias e, en definitiva, acceder aos centos de milleiros de aplicacións dispoñibles en Google Play.

PUBLICIDADE