ARCHOS estrea 5 tablets con Android 2.2

mércores, 1 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Dende ARCHOS parecen estar a tomarse moi en serio o sistema operativo Android 2.2 se atendemos á incorporación ao seu catálogo de 5 novos tablets con prezos que parten dos 99 euros, levando así os seus reprodutores multimedia portátiles de grande tamaño un chanzo máis arriba, converténdoos en dispositivos moito máis versátiles.
A nova gama de produtos parte dos económicos ARCHOS 28 e 32 Internet Tablet ata a marabilla multimedia do ARCHOS 43 Internet Tablet pasando polos ARCHOS 70 e 101 Internet Tablets de ampla pantalla, que ofrecen unha navegación moi rápida, xogos, acceso a redes sociais, lectura de libros electrónicos, aplicacións, vídeo en alta definición e música nun deseño bastante fino que dan a entender que este fabricante francés pode competir con grandes compañías coma Apple, Toshiba, Samsung ou HP nesta gama de produtos.
O ARCHOS 28 Internet Tablet presume de ser o primeiro reprodutor multimedia con Android 2.2 que pode adquirirse por 99 euros. Conta cunha pantalla táctil de 2,8 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles, procesador Cortex A8 a 800 MHz, Wi-Fi N, USB 2.0, aplicacións para Android que permite unha completa reprodución multimedia (soportando imaxes, música e vídeo nos formatos máis populares, incluíndo WMV, FLV, MKV, RMVB, MP4, 3GP, AVI e mesmo subtítulos), unha batería que permite unha autonomía de reprodución musical de ata 16 horas, 4 horas de reprodución de vídeo e 6 horas de navegación web, unhas medidas de 100 x 54 x 9 milímetros e un peso de 68 gramos. Xa está á venda a 99 euros con 4 Gb de capacidade interna e 119 euros con 8 Gb.
O ARCHOS 32 Internet Tablet mellora o tamaño de pantalla ata chegar ás 3,2 polgadas cunha resolución de 400 x 240 píxeles, unha capacidade de 8 Gb, Bluetooth 2.1, cámara de vídeo en resolución VGA e unha autonomía de 24 horas para música, 6 horas para vídeo e 8 horas para navegación web, que véndese por 149 euros.
Noutra división entra xa o ARCHOS 42 Internet Tablet, que será o último en saír este mesmo mes a un prezo de 199 euros para unha capacidade de 16 Gb, e que mellora o seu procesador ata chegar a 1 GHz de velocidade e a súa pantalla (con 4,3 polgadas e unha resolución de 480 x 854 píxeles), características que permítenlle abrazar o vídeo en alta definición a 720p (tanto en reprodución coma en gravación a través da súa cámara integrada) e lévalle a integrar unha saída miniHDMI. Tamén incorpora altofalante, unha batería con autonomía para 36 horas de reprodución musical, 10 de vídeo e 12 de navegación web, mide 135 x 65 x 9 milímetros e pesa 130 gramos, polo que estaría na liña dos móbiles de alta gama que funcionan con Android (aínda que sen a conectividade móbil).
Para o mes de outubro teremos un par de trebellos de grande tamaño, coma son o ARCHOS 70 Internet Tablet e o ARCHOS 101 Internet Tablet, con pantallas de 7 e 10,1 polgadas respectivamente. O ARCHOS 70 Internet Tablet venderase por 249 euros no seu modelo con 8 Gb de capacidade de almacenamento en memoria de estado sólido (de xeito que só pesa 300 gramos) ou a 299 euros cun disco duro de 250 Gb (pesando 100 gramos máis este último) e a súa pantalla ten unha resolución de 800 x 480 píxeles; mentres que o ARCHOS 101 Internet Tablet, ao ampliar a súa pantalla a 10,1 polgadas tamén incrementa a súa resolución a 1.024 x 600 píxeles, contén o seu prezo en 480 gramos, e estará dispoñible por 299 e 349 euros en capacidade de 8 e 16 Gb respectivamente. Curiosamente estes 2 novos trebellos, pese a soportar alta definición a 720p, as súas cámaras web só teñen resolución VGA.
O principal atranco que ten esta nova familia de trebellos é que, pese a soportar Flash 10.1 e poder conectarse á Rede mediante Bluetooth (prestacións que non permiten dispositivos coma o iPad) carece dunha aplicación tan importante coma o Android Market, tendo que empregar a tenda AppsLib como porta de entrada de programas, de xeito que ARCHOS mantén o control sobre estes dispositivos Android.

O ARCHOS 101 Internet Tablet destaca pola súa pantalla de 10,1 polgadas que o convirten nun posible competidor do iPad e outros dispositivos deste tipo que están a chegar ao mercado

PUBLICIDADE