Abre as súas portas a feira Galiciencia máis concorrida

mércores, 16 de novembro do 2016 Redacción

Finalmente chega Galiciencia 2016 e que ninguén adulto se estrañe de que a nosa rapazada se lle adiante en materia creativa e innovadora. De feito, a nosa comunidade de estudantes concorrerá na feira de enxeños de Ourense con cousas como un pastilleiro smart para pacientes crónicos, unha aplicación móbil de alerta de avespa asiática, un espantallo 2.0 ou toalliñas húmidas ecolóxicas feitas com material téxtil desbotado. Galiciencia, que abre hoxe às 10.00 horas as súas portas (na carpa emprazada a carón do edificio central da Tecnópole en San Cibrao das Viñas, Ourense), acollerá estes días a visita de máis de dous milleiros de persoas. Poderemos visitala até o vindeiro vernes.
Os enxeños intelixentes e innovadores dos nosos ovos inventores salientarán por número (arredor de 75) e por calidade (moitos deles foron argallados para axudar a persoas enfermas, para loitar polo medio ambiente ou para estarmos mellor comunicados).
Segundo sinala a Tecnópole (organizadora), na undécima edición do evento bateranse récords de participación. De feito, explica, “concentrará a maior representación de centros escolares até o de agora, coa participación de investigadores noveis procedentes de 35 colexios e institutos distintos”.
A Tecnópole tamén explica que este ano a delegación máis numerosa na exposición de proxectos procede da provincia de Pontevedra, cun total de 28 equipos defendendo as súas investigacións e inventos. A eles súmanse 18 de Ourense, 18 da Coruña, 6 de Lugo, 3 de Biscaia, un de Barcelona e un de Asturias, esta última con representación na Galiciencia por primeira vez.
Na carpa, medio cento de equipos de Secundaria e FP amosarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación en stands individuais. A eles súmanse, fóra de concurso, 25 traballos de Primaria.
Todos eles recibirán a visita de grupos escolares de toda Galicia, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, “xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes”.
No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas e o que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2017.
O fío temático, as matemáticas
Segundo lembra a Tecnópole, o fío temático das actividades paralelas da feira serán as matemáticas. Así, os visitantes participarán en obradoiros nos que se explorará a relación das matemáticas coa enxeñería e coa natureza, “co obxectivo de demostrar até que punto os números están presentes na nosa vida cotiá”, explican fontes da organización, engadindo que este (a importancia dos números) será o alicerce, tamén, do espectáculo científico e dos talleres para os máis pequenos, “que descubrirán as matemáticas xogando e experimentando con pezas de Lego”.
A maiores do devandito, o público da Galiciencia terá ocasión de visitar unha exposición promovida polo SERGAS sobre depresión infantil e xuvenil, na que, ademais de información útil para identificar este trastorno nas idades temperás e para concienciar á sociedade, se mostran fotografías realizadas por adolescentes que sofren esta doenza.

PUBLICIDADE