Ábrese a matrícula do primeiro curso deste cuadrimestre na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás (Pontevedra)
luns, 8 de outubro do 2012
A Vicerreitoría do campus de Pontevedra abriu hoxe o prazo
de inscrición para o primeiro curso do seu programa formativo na Aula
Tecnolóxica da Casa das Campás, co que pretenden mellorar o nivel de
alfabetización dixital da cidadanía pontevedresa a través de seminarios
prácticos e útiles sobre temas de actualidade. O curso que ten a súa inscrición
aberta ata o vindeiro luns é o titulado JCLIC: Creación de Actividades
Educativas, co que pretende ensinar a aproveitar a aplicación multiplataforma
de software libre JCLIC, que achega un
contorno multimedia para a creación de recursos educativos.
O mes que vén os cursos que acollerá o programa de formación tecnolóxica serán
os de Deseño de páxinas web con recursos
gratuítos, Introdución á programación creativa.
Processing, e CSS. Maquetación e deseño web.
Estes cursos teñen unha duración de 12 horas cada un en modalidade presencial,
son de balde e teñen unha elevada demanda.