Ábrete de orellas (reunímonos co equipo de Escoitar.org)

luns, 27 de novembro do 2006 Redacción

Entrevistamos ó equipo de mozos galegos responsable da posta en marcha do proxecto Escoitar.org, unha iniciativa que, entre outras cousas, dedícase a axudarnos superar a nosa xordeira de séculos a deixar na Rede e para a posteridade, o son da nosa vida: o leste e o oeste, o silencio do bosque, o tren que transcorre lentamente na curva, o rincho da cancela

JPEG - 34.5 KB
O equipo de Escoitar, traballando

Galiza é voz, lingua, relatos que as avoas contan ós nenos, pinga de auga nunha fonte, palabras das que nunca escoitaches falar porque nunca antes apareceron nos libros, son da fervenza. Facer un futuro para Galiza non só é crear industria senón tamén evitar que se perdan, por exemplo, os vinte termos que designan os diferentes tipos de salgueiro. Mais, se xa o propio feito de documentar para a historia os nosos sons é positivo, que non será se facemos que eses documentos estean ó alcance de todos en calquera intre e con datos precisos sobre o lugar de onde xurdiron? Ese é o alicerce de Escoitar.org, un proxecto web galego certamente salientable e, sobre todo, necesario, se temos en conta que para unha boa parte dos habitantes urbanos destas catro provincias o que está alén do círculo de influencia das súas cidades xa non existe: é a nada. O proxecto vai orientado a facernos descubrir os sons como patrimonio, situándoos xeograficamente coa axuda dos Googlemaps. Na web Escoitar.org atopamos a disposición dos usuarios unha modificación do Loudblog (ferramenta para a publicación de documentos sonoros na Rede), traballo abordado co fin de que integrase os devanditos mapas de Google e asociase coordenadas específicas ós sons. Sinalar que detrás desta iniciativa está unha comunidade en rede aberta, estando o equipo principal de traballo integrado por Berio Molina (artista sonoro), Chiu Longina (coordinador e antropólogo), Horacio González (artista e programador), Julio Gómez (especialista en músicas populares) e Juan Gil Rordíguez (responsable da tradución dos textos e musicólogo).
En Código Cero tivemos a sorte de comunicarnos con eles e escoitar as súas ideas.
Dende aquela, o son dos nosos dedos sobre o teclado xa nunca foi igual.

-Como xurdiu esta iniciativa? Imaxino que algún de vós, ou todos vós, xa erades previamente afeccionados a documentar sons e a ir polo mundo adiante cunha gravadora... non si?
(Chiu Longina)
-Xurdiu da confluencia de tres eixes enerxéticos: o colectivo SINSALaudio de Vigo que leva case dez anos traballando co son en Galiza, a Asociación Alg-a preocupada pola democratización da arte e pola necesidade de traballar para a sociedade, e a forza que empurra dende o portal artesonoro.org na Rede, que tamén administramos nós. Estas tres liñas de traballo tiñan que conectar dalgún xeito e Escoitar.org é este terreo común. Eu, por exemplo, xa levo tempo preocupado pola condición efémera do audio e si que vou por aí gravando.
(Julio Gómez)
-Documentar sons, música, musica e sons ou sons e música. Creo que agora que fixemos a viaxe de volta para falar de sons, polo que a min respecta non quero acoutar a palabra sons cara a un espazo da natureza. Eu sigo sendo afeccionado a música, ecolóxica ou industrial, espontánea ou artificial, tonal ou aleatoria. Creo que esa foi a orixe e unha cousa foi chamando á outra: primeiro as persoas e despois os proxectos.
(Horacio González)
-Eu non! Até que coñecín a maior parte dos compoñentes da equipa fun xordo. Estaba incapacitado para escoitar a maior parte das frecuencias que me rodeaban. Un día coma outro calquera coñecín a Chiu e a Berio, e de camiño a Sevilla descubrín que medio palmo mais aló dos meus ollos tiña dous furados na cabeza. Dende entón, ben... Poño a cabeza no chan para saber cando ben o tren, fico fascinado cada vez que escoito o motor dunha neveira, e pregúntome se poderei sintonizar o pulsar PSR B0329+54 na miña radio de casa.
-Cales son, brevemente, os obxectivos da vosa proposta?
(Chiu Longina)
-Até o día de hoxe, e como dicimos na propia portada da web, pretendemos achegarnos ao noso patrimonio cultural, neste caso inmaterial, a través do son do país, percibir, comprender e concibir a nosa identidade sonora. Tamén recoller material para un posíbel estudo das formas acústicas de sociabilidade. Outro dos obxectivos é a difusión e promoción do fenómeno sonoro e a súa exploración con fins sociais e documentais. E como obxectivo principal, conseguir a participación da cidadanía para aspirar a configurar un patrimonio sonoro consensuado polos oíntes, sen afastarnos do saber, desa Torre de Babel, pero incluíndo a opinión dos oíntes na súa clasificación. E como obxectivos paralelos, poñer en valor o sentido do oído, conservar sons en perigo de extinción e traducir textos relacionados coa ecoloxía acústica que a día de hoxe non teñen unha versión no noso idioma.
(Julio Gómez)
-Supoño que cada un ten un obxectivo distinto. Pola miña parte máis que protexer a paisaxe creo na educación desa paisaxe. Vexo Escoitar.org como un medio para o ensino acústico que pode ser a mellor ferramenta de protección da paisaxe sonora. Aprender, educar, formar, respectar, etc.
(Horacio González)
-Este tipo de cousas fanse porque existe unha necesidade espiritual, certa clase de percepción de que fai falta crear un espazo, unha ferramenta, un lugar para algo. Neste caso o son, o son asociado ao seu contexto, un arquivo para preservar os sons e para que sexa a xente a que os preserve.
-Hai algún tipo de ingreso económico a través dela?
(Chiu Longina)
-De momento non o hai, aínda que non descartamos axudas e inxección de enerxía materializada en equipos de gravación, axudas a proxectos concretos (como o rexistro do son do Camiño de Santiago ou rutas sonoras por Galiza) ou outras axudas para a publicación en formato físico dos resultados do traballo en rede dos cidadáns. Até o momento, tratamos de subvencionar o que facemos a través dos obradoiros que imos desenvolvendo en algunhas institucións e festivais, ese foi o caso do que fixemos en Córdoba hai un tempo e do que facemos agora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, dentro do programa do Congreso Artech2006. De momento foi o Museo MARCO de Vigo a primeira institución sensibilizada con este proxecto, e este apoio foi incluso antes de publicalo, coñecendo unicamente as nosas intencións e a traxectoria persoal dos membros, o que lle dá un valor duplo. Fáltanos, a día de hoxe, insisto, o apoio económico. No Museo MARCO fixemos un obradoiro para rexistrar o que chamaremos “Paseo Sonoro por Vigo”, dentro das actividades da exposición “A Mostra Invisible” e fica aberto á cidadanía.
-A quen credes que pode beneficiar Escoitar.org? Á comunidade internauta? Á preservación da identidade de Galiza? A todos aqueles galegos e galegas cada vez máis abondosos que desenvolven a súa vida entre as catro paredes dunha oficina?
(Juan Gil)
-Ó tratarse dun proxecto multidisciplinar pode ser beneficioso para distintos sectores da sociedade, da arte e da cultura. Tanto os contidos teóricos como o material sonoro poden ser de grande utilidade a un nivel pedagóxico para reflexionar sobre a polución acústica, poden ser materia prima para a composición ou a creación no campo da arte e pode servir como base para presentar distintos estudos no ámbito da socioloxía, a antropoloxía, a xeografía, a historia, ou mesmo da arquitectura e o urbanismo...por citar so algúns exemplos. Aínda que unha das liñas de traballo é a recolleita de sons en "perigo de extinción" o fin non é preservar a "identidade de Galiza" xa que a identidade non é algo estático, a identidade se configura, de forma consciente ou inconsciente, nun proceso que está en constante construción. Sons que dificilmente poderían ser unha referencia cultural consensuada hoxe, en poucos anos poden pasar a ocupar un lugar importante na memoria colectiva de todos ou de boa parte dos que nos sentimos galegos, de Vigo, de Compostela, de Lugo... É un exercicio de memoria máis que unha cruzada en defensa dunha galeguidade inerte na que non cremos. Nós non ditamos o que é ser galego, algo que outros sectores si que levan facendo dende hai moito tempo, so pretendemos comprender a realidade acústica e escoitar atentamente os cambios de Galiza.
(Julio Gómez)
Non me gustan as palabras comunidade internauta e aínda menos identidade. Os proxectos ou son abertos ou pechados e Escoitar é, en tódolos sentidos, aberto. Será o que cada visitante desexe que sexa, incluído a identidade claro.
(Chiu Longina)
Penso que o principal xa está dito. Eu engadiría, xa como exemplo práctico, que Galiza ten unha identidade sonora propia representada, entre outras cousas, pola nosa lingua e a súa fonética. Todos temos a experiencia de viaxar e atoparse con persoas que polo noso acento recoñecen enseguida a nosa procedencia: aquí temos un signo de identidade moi marcado polo sonoro. Parece que tras este acento se transmiten ideas como tristura existencial, as veces medo a existir e, en moitos casos, bondade e confianza/desconfianza. Parecen tópicos, pero o son das nosas palabras di moito dos nosos sentimentos. E tamén están os clásicos sons que identifican Galiza, cuxa incorporación ao imaxinario común galego ten que ver máis co pulo mediático que coa realidade. Falo do son da gaita, (máis ben do xeito de tocala), e falo tamén do son da pachanga nas verbenas. E para rematar, respecto a identidade sonora, falaría do son do mar e do silencio dos bosques, do oeste e do leste, ambos como bandas sonoras do día a día.
-Polo que puidemos ver na vosa web, tendes (como comunidade aberta que sodes) unha aplicación que achegar ó mundo, unha aplicación que é precisamente a base do voso proxecto. Podedes falarnos brevemente de EscoitarGZtag?
(Horacio González)
Que ledicia! esa é a miña parte do choio, non sei por que, a xente pensa que me vou poñer a falar de bucles e variables, e ninguén quere preguntar. Software libre e galego, elaborado para dar soporte a unha idea, partindo dun programa deseñado para publicar podcast chamado Loudblog. EscoitarGZtag primeiro foi un plugin despois pasou a ser un hack e finalmente acabou sendo un mashup, un remexido, para entendérmonos. Colles un pouco de HTML, unha morea de utilidades Javascript, un xestor de contidos libre, unha api de Google chamada Google Map e enleas a alguén que saiba PHP para facer a mestura, un pouco de agarimo e... Xa esta! EscoitarGZtag. Tratase dunha interfaz que lle permite a calquera usuario que pase pola nosa páxina achegar un son, ligalo a unha localización xeográfica (xeolocalización) premendo nun mapa e publicalo na Rede. É software libre e aberto, o que quere dicir que calquera persoa pode baixalo, usalo e modificalo. O que sucede é que fica en fase BETA, é dicir: en fase de probas e aínda resulta case imposible instalalo sen algo de axuda. A idea é que cando teñamos percorrido o treito que vai da versión 0.7 a 1.0 lancemos unha versión estable que sexa doada de instalar. De momento, dedicámonos a dar cursos por aí ensinando como instalalo e empregalo.
-Temos liberdade para pendurar calquera son ou tendes un filtro de propostas? Quen pode achegar sons e quen non? Que pasaría se nós vos presentásemos unha sicofonía?
(Juan Gil)
-Loitamos porque o proxecto medre á marxe de criterios individuais, de aí a súa natureza aberta. O mapa sonoro configúrano todas aquelas persoas interesadas ou sensibilizadas co fenómeno acústico e o resultado achegarase máis á realidade de Galiza que se dependese exclusivamente das nosas recolleitas. A realidade sonora de Galiza será a suma das realidades de todos aqueles que participen. Establecemos así un traballo horizontal evitando caer en tópicos é estereotipos. No mapa están todos os sons que se soben pero os usuarios accederán a eles segundo os seus intereses. En consecuencia, unha das ferramentas máis interesantes do proxecto é a posibilidades de facer buscas. Se só unha persoa sube unha gravación dunha sicofonía será algo anecdótico pero se o 90% dos sons engadidos por distintas persoas son sicofonías deberíanos reflexionar sobre este acontecendo... :-)
(Horacio González)
-As sicofonías rexístranse cun micrófono binaural? Pode que non o pareza pero esta tamén é unha parte do meu labor. Refírome ó asunto da selección, non ó de captar sicofonías. Seleccionar é parte do traballo do programa. Explícome: por algunha razón todo o mundo cre que ten que haber certa clase de filtro que permita facer unha escolma dos sons, e isto é certo, mais, porque debe ser un filtro a priori? Porque ten que ser un filtro predeterminado e estático? A potencia actual dos ordenadores permite que sexa o propio usuario o que a través de buscadores elabore a súa propia selección útil. O feito de que calquera usuario poda subir calquera son, non impide que calquera usuario poda seleccionar o seu conxunto de sons. A selección é un proceso necesario e valioso pero non pode ser excluínte nin impositiva, debe ser dinámica e acumulativa. O usuario debe asumir o compromiso de ser quen decida o que pode ou non. A todo o mundo parece darlle vergoña premer o botón de "confirmar o envío". No intre final, todos e todas bótanse cara a atrás e pensan: “este son non paga a pena”. Mais isto non é o “arquivo sonoro de Galiza”, é un espazo de todos e todas e un lugar aberto onde subir sons, non hai porque pensar que existen sons de primeira e de segunda categoría, porque todos valen, mellor dito todos teñen a capacidade de valerlle a alguén.
(Julio Gómez)
-Non. Sempre hai que facer un filtro para que os sons que se escoiten axuden a medrar o proxecto. E non a que se converta nun deses foros ou blogs no que a interacción enténdense como unha anarquía editorial que ridiculiza os outros traballos expostos. A partir de aquí creo que todo o mundo pode colocar os seus sons sempre que teñan un compromiso, ideolóxico ou estético é o de menos, coas outras gravacións que comparten o proxecto.
-Tendes, por así dicilo, liña editorial?
(Chiu Longina)
Escoitar.org é unha comunidade en rede aberta cuxo principio fundamental é a liberdade (fronte ao máximo beneficio). Pretende contribuír á xeración de novos modelos de sociedade afeitos ás condicións sociais actuais. Para Escoitar.org, a innovación fortalécese si se comparte (todo o que non se dá, pérdese) e ese é o principal valor deste proxecto comunitario cunha importante dimensión ética baseada no compromiso e no valor da cooperación. Tamén reflexiona sobre en que medida o espírito open source comeza a chegar aos compoñentes esenciais do poder; en que medida a mobilización de recursos, fóra das institucións do Estado, contribúen a diluír o poder das corporacións e cuestionan a teoría económica do valor. Este proxecto sóbese ao barco da dinamización social, apoiando a forza e a garantía que xa ofrecen outras comunidades en rede. Situase en contra das posicións neutrais e, ao mesmo tempo, reflexiona sobre os perigos do fundamentalismo tecnolóxico. De xeito paradoxal, presenta as opinións de tódalas frontes sociais sen sometelas a xuízo. A cultura é unha construción social dinámica e relatar/rexistrar o seu tempo real é outro dos obxectivos do proxecto. O patrimonio sonoro dun lugar, insistimos, debería ser consensuado polos seus habitantes, é por isto que Escoitar.org facilita unha ferramenta que pode axudar a materializar este tipo de actitude.
(Horacio González)
-O que hai é un motor de busca algo que lles permite ós usuarios ser a súa propia liña editorial. Podedes oír falar de ecoloxía acústica, antropoloxía acústica, fisioloxía acústica e outro porrón de ías, pero non. Cada un que suba o que lle pete. Por certo, se non che gustan os son que ves no mapa podes facer unha procura, exportala e poñer na túa páxina web o teu propio mapa cos sons que che gusten (este é un sistema que imos implementar na versión 1.0).
-Cal podería ser o son máis curioso que vos caeu nas mans até o de agora?
(Horacio González)
-Ningún, dado que até o de agora ninguén, agás nos mesmos, subiu sons á páxina. Veña, sorprendédenos.
(Julio Gómez)
-Estou agardando tamén por el.
(Chiu Longina)
-A min gústame moito o son das pitas dende o Salnés que subiu un rapaz que se chama Servando Barreiro. Pero tamén estou seguro de que chegarán moitas sorpresas.
-Sabédelo? Poder escoitar o mar de Muxía dende a redacción non ten prezo...
(Julio Gómez)
-Estou seguro. Por seguir na liña das respostas apuntaría: escoitar (igual que ollar), non ten prezo.
-Vemos na vosa web que unha das clasificacións de sons figura como “silencios escoitados en varios lugares”. Hai de verdade diferentes tipos de silencios? Existe hoxe en día o silencio?
(Juan Gil)
-Termos como silencio ou mesmo ruído non existen de forma absoluta, son conceptos relativos. Neste sentido alguén pode percibir un ambiente como silandeiro e estar interesado en conservalo nunha gravación. En realidade, existen espazos ou intres máis ou menos silandeiros. Nun silencio absoluto escoitaríamos o funcionamento do noso propio corpo, un experimento que xa fixo John Cage a mediados do século XX. Aínda no caso de existir este silencio ideal sería imposible gravalo xa que o funcionamento da propia gravadora acabaría por rompelo. Polo tanto, deberíamos falar de silencios subxectivos. Ese é o sentido desa categoría.
(Julio Gómez)
-Este tema sería de grande desenvolvemento. Ben, por resumir, o silencio non existe. É unha metáfora que serve para contextualizar un discurso sonoro. É coma se falásemos en matemáticas do límite ou o infinito. Son ese "quilómetro cero" que nos vale como referencia para traballar sobre esta unidade de medida, pero sempre ten un significado se o asociamos a outros sons porque, como xa dixen, o ser humano non pode vivir en silencio. Como mínimo, no caso hipotético de atopar un lugar sen ruído exterior, sempre escoitaríamos os nosos sons internos. Así, nos falamos de silencio como aquela "mínima unidade de ruído".
(Chiu Longina)

JPEG - 36.6 KB
Gravando sons na lagoa de Xuño

-O Cluster Artesonoro.org, ao que pertence Escoitar.org, e que tamén administramos nós, ten unha radio de silencio. A dirección é www.silencioradio.org. Cando te conectas a ela aparece un cronómetro que conta o tempo que estás a agardar a que chegue o son. En realidade nunca chega, pero nese tempo de espera, que chamamos silencio, o oínte vai afondando nas capas sonoras que ten ó seu arredor e vai abrindo filtros. Se te conectas pola noite a esta radio, na intimidade da túa habitación, e esperas un bo rato, acabarás por oír perfectamente ese suposto silencio que te rodeaba.
-Vós reivindicades o son como vehículo de documentación histórica, etnográfica e pode que até sentimental. Credes que non se lle empresta atención abonda ó son?
(Julio Gómez)
-Este outro tema tamén sería para encher páxinas. É evidente que o son, coma outros sensos que non estean supeditados aos intereses sociais de hoxe en día, non ten máis atención que a meramente numérica. Quero dicir que hoxe todo forma parte dunha gran máquina de consumo e un dos seus principais obxectivos é limitar, afogar e destruír a capacidade dos seres humanos para respirar con independencia e autonomía. Na medida que perdamos esa capacidade para sentir, ver, tocar, escoitar, cheirar por nós mesmos, seremos máis vulnerables ás estratexias da economía global. A contaminación acústica é unha grande doenza do noso tempo, pero a diferenza deses estudos insulsos que falan de contaminación acústica externa -tráfico, industria, etc-, nós cremos que hai aínda unha patoloxía máis urxente: a enfermidade do son bonito. O chamado “muzak” é ese bombardeo indiscriminado que sufrimos arredor dos sons agradables que actúan como narcóticos entre a sociedade. Ese é o peor virus que hai hoxe en día, porque leva séculos contaminando a nosa experiencia sonora e vai reducindo a nosa capacidade acústica para diferenciar o son do ruído.
(Chiu Longina)
-Se aplicamos a perspectiva histórica e facemos un exercicio de memoria, é doado decatarse de que o invento da imprenta (que a Historia atribúe a Gutenberg, pero que se inventou tres séculos antes en China, no século XII), está moi lonxe cronoloxicamente do invento do fonógrafo ou do gramófono (practicamente no século XX). Son case oito séculos de hexemonía do visual respecto do sonoro. A imprenta permitiu conservar o pensamento escrito e a imaxe exercendo ao mesmo tempo como tecnoloxía para a súa difusión, e transformou un mundo sonoro noutro visual. Hoxe, moitos estudos e investigacións de comunicólogos, antropólogos e outros científicos do social enmarcan os seus traballos dentro dun paradigma que podería chamarse "influencia da tecnoloxía nas transformacións socioculturais". É dicir, tratan de comprender e explicar como a tecnoloxía pode cambiar o modo de percibir o mundo, o cognitivo e, xa que logo, as prácticas sociais, os feitos, o cotián, o pensamento. Pois aí é onde estamos nós, tratando de emprestarlle atención ó son.

PUBLICIDADE