Acer anuncia os seus Ultrabooks táctiles con Windows 8

martes, 2 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Preparándose de cara ao lanzamento do Windows 8 a finais de mes, Acer confirma que xunto coa estrea do novo sistema operativo de Microsoft vai colocar no mercado a súa nova familia de ordenadores portátiles Aspire S7, que chegan en configuracións moi semellantes aos dos MacBook Air de Apple pero cun lixeiro incremento de prezo provocado polo feito diferencial de que contan con pantalla táctil de alta definición.
Os novos equipos están fabricados nunha carcasa unibody de aluminio, o que permítelles ser moi lixeiros, as súas pantallas IPS teñen unha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles e detectan ata 10 dedos en pantalla, as súas pantallas teñen tamaños de 11,6 ou 13,3 polgadas con Gorilla Glass 2, algúns dos modelos pode abrirse ata 180 graos (permitindo inverter a pantalla con só premer unha tecla pensando en usos colaborativos do equipo), contan cun sistema de refrixeración chamado TwinAir que alarga a vida da batería e mantén o equipo a unha temperatura que o fai cómodo de usar, a retroiluminación do teclado axústase ás condicións lumínicas, fan uso de unidades SSD e a súa batería achégalles unha autonomía de 6 horas (duración que pode dobrarse cunha batería adicional opcional). Tamén inclúe adaptador micro HDMI a VGA (para poder empregar os equipos con vellos proxectores de vídeo), adaptador USB a RJ45 (para poder conectalo a redes locais de cable), software anti-roubo e tecnoloxía de inicio rápido (pode recuperarse dun estado de repouso en 1,5 segundos).
A espera de coñecer os prezos europeos podemos comentar a canto se venderá nos EE.UU.: O Acer Aspire S7-191-6640, con pantalla de 11,6 polgadas, procesador Intel Core i5, SSD de 128 Gb e 4 Gb de RAM custará 1.200 dólares; o Aspire S7-391-6810 mellora ao anterior modelo cunha pantalla de 13,3 polgadas que eleva o seu prezo ata 1.400 dólares; e finalmente o Aspire S7-391-9886 supera ao anterior en procesador (un Intel Core i7) e capacidade de almacenamento (256 Gb) o que sitúa o seu prezo de venda nos 1.650 dólares. Todos prezos que parecen afastados do usuario medio, pero que resultan bastante axustados para usuarios que precisan elevadas prestacións, alta mobilidade e as posibilidades que abre Windows 8 en equipos con pantallas táctiles.

PUBLICIDADE