Acer anuncia os seus todo-en-un táctiles para o lanzamento de Windows 8

luns, 15 de outubro do 2012 Marcus Fernández

O vindeiro día 26, coincidindo co lanzamento de Windows 8, Acer porá á venda os seus ordenadores todo-en-un Aspire 5600U e 7600U, que teñen un soporte que pode axustarse en distintos ángulos, o que permite o seu uso como un monitor tradicional ou como un panel táctil sobre a mesa, pensando nas posibilidades que para tal tipo de control terá o novo sistema operativo de Microsoft.
Estes novos equipos partirían dun prezo de 999,99 dólares para o Aspire 5600U con pantalla de 23 polgadas, ata un procesador Intel Core i5 3110M, 8 Gb de RAM e 1 Tb de disco duro, mentres que o Aspire 7600U coa súa pantalla de 27 polgadas partiría dun prezo de 1.899,99 dólares e pode configurarse con ata un procesador Intel Core i5 3210M, gráfica nVIDIA GT640M con 2 Gb de memoria, 8 Gb de RAM e 1 Tb de disco duro.
Para os usuarios que non queiran mudar de ordenador, Acer tamén comercializará monitores multi-táctiles como os dos presentes equipos todo-en-un, que serán concretamente os modelos T232HL e T272HL e que terán uns prezos de 499,99 e 699,99 dólares respectivamente.

O Acer Aspire 5600U terá unha pantalla multi-táctil de 23 polgadas

PUBLICIDADE