Acer presenta un portátil con pantalla curva
mércores, 31 de agosto do 2016
Aínda que os xogadores de PC tenden a recorrer a ordenadores
a sobremesa potentes e actualizables, existe todo un mercado de portátiles para
gamers, que teñen agora como
expoñente máis innovador o novo Acer Predator 21
X, o primeiro portátil con pantalla curva, a última tecnoloxía de
seguimento da mirada e unha potente gráfica, de xeito que sería máis que
suficiente para a meirande parte de xogadores e podería chegar a asustar ao
resto de consumidores pola súa rotunda aparencia física.
Este novo portátil sorprende pola súa pantalla IPS curva de 21 polgadas cunha
resolución de 2.560 x 1.080 píxeles, que achega unha experiencia de xogo moi
inmersiva, e que busca conseguir un control máis intuitivo mediante a
integración da tecnoloxía de seguimento da mirada de Tobii. A nivel de potencia
tampouco queda curto, xa que falamos dun equipo con procesadores Intel Core de
sétima xeración e dobra gráfica nVIDIA GeForce GTX 1080 e un impresionante
sistema de son SoundPound 4.2+ (con 4 altofalantes e 2 subwoofers).
Para poder manter refrixerado este portento intégranse 5 sistemas de
ventiladores dos que 3 serían ventiladores de metal ultradelgados AeroBlade,
que buscarían conseguir que os xogos puidesen gozarse á máxima calidade sen ter
que reducir a potencia do equipo por mor da disipación de calor. Incluso o
teclado é de grandísima calidade, xa que trátase dun teclado mecánico de tamaño
completo con interruptores Cherry MX, acompañado por un touchpad de grande
precisión.
Este impresionante ordenador non chegará ás tendas até primeiros de 2017, e
aínda non adiantan o que será o seu prezo, que posiblemente asuste tanto como
os seus 8 quilos de peso (pondo bastante en dúbida o que entendemos actualmente
por ordenador portátil).
Vídeo de presentación do Acer Predator 21 X