Administracións, centros tecnolóxicos e empresas TIC afianzan en Vigo a fórmula da cooperación para xerar innovación

xoves, 27 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Centos de expertos en economía sostible coinciden: os azos para saírmos da crise hai que atopalos no coñecemento e a innovación e máis na colaboración arredor deste binomio. Isto que é aplicable a calquera ámbito xeográfico tamén o é á nosa terra, onde existe, aínda, unha marcada dependencia con sectores produtivos en ocasións im-produtivos. Pola contra, o noso sector do coñecemento (sector TIC) é cada día que pasa máis forte, e ten un especial potencial para pór en marcha produtos competitivos e que, á súa vez, impulsen a competitividade das nosas empresas (un motor que se mantén a si mesmo). O Foro para a Innovación Empresarial que organizou esta semana a asociación INEO contribuíu, un pouco máis, a avanzar nesta fórmula. A cita foi en Vigo e a ela acudiron representantes da Xunta de Galicia, de centros tecnolóxicos e de empresas TIC galegas.
INEO, Asociación Multisectorial TIC de Galicia, foi a encargada de organizar este Foro, un proxecto cofinanciado polo Fondo Social Europeo e mais o IGAPE.
Javier Garrido, vicepresidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e Jorge Cebreiros, presidente de INEO, inauguraron este mércores 26 de setembro unha xornada que, segundo informou a organización convocante, “reuniu por vez primeira en Galicia a todos os axentes implicados no avance da innovación na nosa Comunidade”.
Entre eles, o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial, CDTi, e mais a Axencia Galega de Innovación, que anunciaron neste Foro a inminente publicación da segunda convocatoria do Fondo Innterconecta. Estará dotado de 75 millóns de euros, destinados a proxectos de innovación desenvolvidos desde Galicia e que resulten da cooperación entre empresas, centros tecnolóxicos e universidades.
Segundo avanzaron no encontro profesional Javier Echávarri, técnico do departamento de Telecomunicacións, Electrónica e Informática (Dirección de Mercados Innovadores Globais do Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial, CDTI) e Pilar Morgade, directora da Área de Crecemento e Valorización da Axencia Galega de Innovación, a segunda convocatoria do Innterconecta manterá as mesmas condicións que a primeira fase e fixará como prazo de execución o 31 de decembro de 2014.
Coa publicación desta segunda convocatoria, informaron, “Galicia consumirá o 86% do capital dispoñible a través do Fondo Tecnolóxico, unha partida especial dos fondos FEDER que a Unión Europea destina á I+D+i empresarial e da que, logo da segunda convocatoria de Innterconecta, aínda quedan dispoñibles en torno a 20 millóns de euros, xestionados polo CDTi”.
Segundo fixo saber Jorge Cebreiros, “o anuncio da publicación inminente do segundo Innterconecta é un bo exemplo do funcionamento da Cuádrupla Hélice da innovación (Clientes, Provedores, Axentes de Innovación e Administracións públicas), na que as empresas TIC se achegan aos seus clientes para coñecer as súas demandas, que se poden satisfacer con produtos e servizos resultado de proxectos de innovación, impulsados por fondos de financiamento e nos que cooperan empresas TIC, centros tecnolóxicos e equipos de investigación”, explicou o presidente de INEO, quen salientou nesta xornada a dispoñibilidade de fondos de financiamento para a I+D+i galega. E afirmou, ao respecto da potencialidade das nosas empresas en virtude destes apoios orzamentarios: “As empresas galegas teñen mellores condicións cás do resto de España nos programas do CDTi, o Fondo Innterconecta destinará 75 millóns de euros máis a innovación galega… Hoxe, non podemos dicir que non hai fondos para a innovación”.
Precisamente, o CDTi avanzou no Foro TIC mudanzas a curto prazo nestas condicións, que afectarán principalmente aos anticipos non reembolsables. Nun prazo aínda por concretar, o CDTi converterá estes anticipos en créditos, cun tipo de interese que estará entre o 1 e o 1,5%.


Vixilancia Tecnolóxica e mesas de traballo en innovación
Tralas intervencións de Javier Echávarri e Pilar Morgade, e tras abordar a Vixilancia Tecnolóxica desde diversos puntos de vista, Miguel Regueiro, responsable de Contas de GRADIANT; Sonia Pazos, directora do departamento de Proxectos de Innovación da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e Carmen Iglesias, responsable da Oficina de Proxectos e Calidade do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), da Universidade da Coruña, lideraron tres mesas de traballo con representantes de empresas TIC e doutros sectores, precisamente para debater necesidades e oportunidades de colaboración para impulsar a I+D galega.
Trala presentación dos resultados do proxecto de Benchmarking Tecnolóxico e das mesas de traballo cos Centros Tecnolóxicos e mais o CDTi, a xornada foi clausurada por José Manuel Fernández García, xerente de IGAPE IP; Belén Ferreiro Esteban, asesora da Sociedade da Información e Telecomunicacións de Axencia para a Modernización Tecnolóxica e Lucía Gregorio, directora xeral de INEO.

PUBLICIDADE