AirBar permite converter en táctil a pantalla do noso portátil

martes, 13 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Para converter as pantallas ordinarias en pantallas táctiles existen numerosas solucións no mercado dende hai bastante tempo, e unha das que está a resultar máis curiosa, que por fin inicia a súa comercialización, é a Neonode AirBar, unha barra sensora que podemos colocar na parte inferior da pantalla do noso portátil (en tamaños de 13,3, 14 e 15,6 polgadas) e conectar por USB para proxectar un campo de luz invisible que permite non só detectar toques dos dedos en pantalla, senón tamén interpretar xestos táctiles para facilitar o zoom, os desprazamentos ou os pasos de páxina como nunha pantalla táctil ordinaria, coa vantaxe de que incluso funcionaría con luvas postas.
A AirBar véndese oficialmente a 69 dólares (aínda que en Amazon.de o seu prezo é de 80,05 euros) de xeito que sería un método relativamente económico para poder gozar de prestacións táctiles nun equipo portátil con Windows 8 ou Windows 10 sen ter que renovalo por convertible. Este sistema é plug-and-touch, de xeito que para operar con el chega con colocalo e enchufalo, sen precisar de calibración de ningún tipo.

Con só colocar a AirBar na parte inferior da pantalla xa podemos interactuar coa súa superficie de xeito táctil baixo Windows

PUBLICIDADE