Aircove Go, un router compacto que facilita o uso de ExpressVPN

xoves, 14 de marzo do 2024 Marcus Fernández

A utilización de redes privadas virtuais para manter a nosa actividade na Rede afastada de miradas alleas ou para camuflar a nosa localización é unha práctica cada vez máis frecuente, e para facer máis doado este uso en practicamente calquera lugar dende ExpressVPN están a promocionar un novo router, o Aircove Go, que destaca polo seu deseño compacto e lixeiro, de xeito que é ideal para quen quere gozar da protección dunha VPN no fogar ou en calquera lugar no que un se atope, sen ter que realizar complexas configuracións nos distintos dispositivos, xa que é o propio router o que se encarga de todo.
Dende ExpressVPN xa comercializaban un router doméstico tradicional chamado Aircove, que coas súas 4 antenas ofrece cobertura Wi-Fi 6 de dobre banda a vivendas ou oficinas de até 150 metros cadrados, mentres que o novo router Aircove, dotado só con 2 antenas, limita a súa cobertura a uns 70 metros cadrados, o que non debería ser un problema, xa que a súa virtude é poder empregarse en mobilidade, xa que só pesa 250 gramos e pode alimentarse a través de USB-C.
O Aircove Go pode conectarse á Rede por Wi-Fi ou por cable, e os equipos clientes poden conectarse ao router mediante algúns dos seus 2 portos Ethernet ou a través de Wi-Fi. Deste xeito, ao viaxar un pode empregar unha conexión pública (por cable ou sen fíos) para conectarse á Rede empregando este router como intermediario, para garantir a seguridade das comunicacións, mantendo a actividade en liña cifrada.
Quen no viaxe moito tamén pode aproveitar este tipo de router como complemento, de xeito que cando precise dos servizos dunha VPN, en vez de empregar a súa conexión principal, pode aproveitar a subministrada polo Aircove Go.
Aircove Go non só permite establecer conexións a través de ExpressVPN, senón que tamén fai doado gozar de funcións se seguridade informática, control parental e incluso bloqueador de publicidade.
Polo momento este produto está dispoñible en Amazon.com a un prezo de 169,90 dólares (155,46 euros ao cambio, que con gastos de envío e aranceis quedaría en 206,03 euros).

Vídeo promocional do router Aircove Go

PUBLICIDADE