Alén Space colaborará coa Universidade de Brasilia no lanzamento dun CubeSat 1U

mércores, 30 de marzo do 2022 Anxo Sesto

O venres 1 de abril está prevista a posta en órbita do CubeSat 1U da misión Alfa Crux da Universidade de Brasilia (UnB), un proxecto no que a empresa galega Alén Space, especializada no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites, colaborou coa súa tecnoloxía e capacidade técnica.
Se todo vai sobre o previsto, o lanzamento terá lugar este venres ás 18:24 horas (horario español) dende a base aérea de Cabo Cañaveral (Estados Unidos), na misión Transporter-4 do foguete Falcon 9 de SpaceX.
Alfa Crux compartirá voo con outros 40 satélites no seu camiño á órbita terrestre.
Alén Space proporcionou a tecnoloxía necesaria para o desenvolvemento da misión Alfa Crux e, a través da súa Hands-on Training Programme, impartiu un intensivo programa de capacitación práctica ao equipo de estudantes da Universidade de Brasilia. Este programa vai dende a fase de deseño de misión ata a operación do satélite pasando pola súa propia fabricación. Os estudantes tamén poderán preparar os test de operatividade de Alfa Crux, así como a súa operación en órbita.
A tecnoloxía proporcionada por Alén Space inclúe unha plataforma 1U con todos os sistemas esenciais para unha misión con pequenos satélites, unha carga útil TOTEM, unha Radio Definida por Software (SDR) e unha estación terrestre para o seguimento e control do satélite unha vez lanzado.
Alén Space dispón dun equipo altamente cualificado de enxeñeiros con ampla experiencia no desenvolvemento de proxectos con nanosatélites, solucións tecnolóxicas, etc. No pasado, este equipo, a Universidade de Brasilia e a Axencia Espacial Brasileña (AEB) xa traballaran xuntos no proxecto SERPENS, o que garantiu unha confianza mutua para vindeiras colaboracións. {{}}