Aló sorprende cunha tarifa móbil con voz e datos sen límite por 99,90 euros/ano

luns, 29 de abril do 2024 Marcus Fernández

Nos últimos anos apareceron numerosas operadoras de telefonía móbil de baixo custo, de feito que xa podemos ver como algo habitual cubrir as nosas necesidades de voz e datos por menos de 10 euros/mes, pero agora chega Esdomo Telecom coa súa marca Aló prometendo «a primeira tarifa móbil ultralowcost de España» cunah única tarifa e un procedemento de contratación totalmente en liña.
Aló ofrece tarifas móbiles con datos ilimitados nacionais e chamadas ilimitadas a móbiles e fixos de España, aplicando a política de uso razoable, a un prezo de 99,90 euros/ano (o que correspondería a 8,33 euros/mes).
Esta nova operadora móbil tamén conta cun plan amigo (premia as recomendacións cun mes de servizo para o usuario que recomenda Aló e para o novo cliente) e ofrece a opción de contratar o servizo valéndose dunha tarxeta eSIM (de xeito que, se temos un móbil compatible, non teriamos que agardar a recibir unha SIM física no noso domicilio).
O servizo de Aló inclúe itinerancia na Unión Europa e funciona a través da rede de Orange.
En calquera caso cómpre advertir de que as tarifas de datos móbiles, pese a anunciarse como ilimitadas, si teñen topes de transferencia ao mes, aínda que son bastante difíciles de superar, principalmente polas limitacións de velocidade das conexións, sendo bastante arriscado recomendar unha operadora que promete grandes volumes de datos se na práctica pode resultar en moitos casos a contratación dunha tarifa cunha limitación de datos xenerosa a través dunha operadora de telecomunicacións con máis garantías.

PUBLICIDADE