Altofalantes Inspire T10 para tirar partido da música dixital

venres, 28 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Os Inspire T10, nun principio, semella que non teñen nada que os distinga dos restantes aparellos de semellante pau que hai hoxe en día no mercado. Ademais, a etiqueta que o fabricante (Creative) lle pon, a de “altavoces 2.0” tampouco quere dicir gran cousa: en liñas xerais, que están encamiñados a tirar partido da música dixital (o de chamarlle “2.0” hoxe en día a un produto calquera é dicir tanto como chamarlle “novo”).
Porén, a feitura negra e brillante destes altofalantes e o seu miúdo tamaño ten o seu aquel, e, segundo sinala a casa fabricante, ofrecen as mellores condicións de son e de comodidade conectados a un PC, a un portátil ou mesmo a un mp3. Ou sexa, que teríamos entre mans o que coloquialmente falando poderíamos denominar aparellos tecnolóxicos elegantes á par que informais.
O seu prezo é de 50 euros e son pequenos abondo, polo que xa teríamos solucionado dalgún xeito o problema de non xuntar lastre tecnolóxico de máis no fogar (a cousa ten mundado dende os tempos en que non nos quedaba outra que mercar altofalantes de dous quilos para arriba). Xa no eido puramente técnico, dicir que cada satélite destes trebellos incorpora tweeters separados e dixiridos “mellorar o son dos agudos”, amais de contar “cuns controladores de alta precisión que melloran os medios tons e unha tecnoloxía BasXPort que reforza o apartado dos graves”, segundo informa Creative.

PUBLICIDADE