Amazon comeza a comercializar en España os dispositivos eero

mércores, 25 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos anos gañaron moita relevancia no mercado as solucións de redes Wi-Fi tipo mesh ou malla, que en moitas ocasións son a solución ideal para poder gozar dunha boa conexións á Internet en todo o fogar, especialmente no contorno actual na que as redes de cable non son unha solución válida xa que a meirande parte dos trebellos conectados (smartphones, tabletas, consolas de videoxogos portátiles...) acceden á Rede sen fíos.
O número de compañías que comercializan este tipo de solucións é bastante reducido, e unha destas marcas, eero, por fin chega a España de xeito oficial, da man de Amazon, que achegará tanto a versión básico como a máis completa, adaptándose ás demandas e economías de diferentes fogares e oficinas.
A solución máis accesible sería a dos dispositivos eero, que son unha especie de routers Wi-Fi que poden funcionar en malla, e que pode mercarse un por separado a 109 euros (co que debería cubrir espazos de até 140 metros cadrados) até un lote de 3 (para cubrir espazos de até 460 metros cadrados).
Temos así unha solución para o fogar conectado que, en distribucións máis complexas ou para usuarios máis esixentes non sería dabondo, de aí que tamén estean dispoñibles os dispositivos eero Pro, que venderanse a 199 euros a unidade e a 499 euros o grupo de 3, e que conseguirían un mellor desempeño xa que utilizarían 3 bandas para operar (mentres que a versión básica limítase a 2).
Este tipo de dispositivos non só poden servir para eliminar as zonas de sombra da nosa rede Wi-Fi, senón que tamén facilitan unha xestión intelixente da rede doméstica, podendo revisar o seu uso, facilitar o acceso a convidados e pór en pausa a conexión.

PUBLICIDADE