Amazon presenta novos produtos da familia Echo
mércores, 25 de setembro do 2019
Amazon presentou hoxe toda unha serie de novos dispositivos
da familia Echo, facendo que a capacidade de elección do consumidor á hora de
querer introducir altofalantes con Alexa no seu fogar sexa cada vez maior.
Temos así un novo
altofalante Echo (de 3ª xeración), cun deseño actualizado (con acabado de tea) e mellor calidade
de son por 99,99 euros; tamén temos un novo Echo dot (de 3ª xeración)
á venda por 59,99 euros, e que por 10 euros máis inclúe
pantalla LED coa hora, a temperatura exterior, temporizadores e alarmas (polo
que aspiraría a ser un accesorio ideal para dormitorios); como solución versátil
temos o Echo Flex,
que ten un tamaño compacto e integra enchufe de xeito que pode colocarse
directamente na toma de corrente na parede, e que custa só 29,99 euros, polo
que sería a opción máis cómoda e barata para conectar unha estancia; e,
finalmente, o Echo
Studio, que busca ofrecer reprodución musical de alta fidelidade, adáptase
ao contorno e, en definitiva, sería a alternativa económica (custa 199,99 euros)
ao HomePod de Apple, aínda que sobra dicir que esta solución é moito máis
versátil (entre outras cousas, porque é compatible con Apple Music, Amazon Music,
Spotify e outros servizos musicais).
Amazon tamén anunciou melloras en Alexa bastante importantes, como que xa é
quen de murmurar, ou sexa, que a certas horas poderemos falarlle en voz baixa e
o asistente responderá do mesmo xeito para molestar o menos posible a persoas
que estean durmindo. Outras funcións interesantes é que poderemos preguntarlle
a Alexa o que entendeu na última orde, así como tamén será posible activar o
borrado automático das gravacións de voz do dispositivo.
A Alexa máis persoal
- Os Echo Buds competirán cos AirPods
Curiosamente Amazon só trouxo a España os seus trebellos domésticos, e limitou aos EE.UU. os rechamantes dispositivos persoais con Alexa integrada que presentou hoxe mesmo. Temos así que só os usuarios estadounidense con invitación poderán facerse coas Echo Frames, a lentes con Alexa que venderán a 179,99 dólares; de produción limitada tamén será o Echo Loop, un anel conectado a través do que podemos falar con Alexa e que custará 129,99 dólares; e, finalmente para calquera que estea disposto a pasar por caixa, os Echo Buds, un auriculares sen fíos que pretenden desbancar aos AirPods grazas ao seu prezo de 129,99 euros, a súa tecnoloxía de cancelación de ruído activa achegada por Bose, o seu deseño orientado á práctica deportiva (con boa suxeición e resistencia á suor) e a posibilidade de operar con varios asistentes de voz (ou sexa, que aparte de Alexa tamén é compatible con Siri e o asistente de Google).
- O Echo Studio aposta pola reprodución musical de calidade
- Echo Flex é o xeito máis económico e sinxelo de introducir un altofalante con Alexa no fogar
- As Echo Frame son un experimento de Amazon para achegar a Alexa aos usuarios de lentes
- O anel Echo Loop é unha das propostas máis curiosas para integrar a Alexa no día a día
- Os Echo Buds son probablemente o novo produto supervendas de Amazon. Probablemente tarden uns meses en chegar a España ante a alta demanda que prevé Amazon.