Amazon presenta novos produtos da familia Echo

xoves, 18 de maio do 2023 Marcus Fernández

Amazon está a ampliar o catálogo de produtos equipados co seu asistente de voz, Alexa, estando xa dispoñible o seu novo modelo de Echo Auto, mentres que os novos Echo Pop e Echo Show 5 de 3ª xeración non estarán dispoñibles até o vindeiro día 31.
A grande novidade sería o Echo Pop, por ser un novo formato de altofalante de Amazon, á venda por 54,99 euros, que destaca polo deseño en forma de semi-esfera, co que consegue unha maior direccionalidade que os habituais Echo Dot. Está orientado a dormitorios e currunchos pequenos no fogar, contando incluso dun adaptador de parede que facilita a súa instalación en espazos non que non haxa unha mesa ou estante no que pousar este pequeno altofalante controlado por voz, que grazas a Alexa tamén resulta de grande utilidade para o control de dispositivos domésticos conectados.
Máis discreto é o novo Echo Show 5, agora á venda por 109,99 euros, que mantén o seu formato habitual, pero mellora o seu procesador, ten un sistema de micrófonos redeseñado e dobra a potencia dos seus graves, ou sexa, que consegue unha mellor reprodución musical, á vez que mantén as súas funcións da súa pantalla e da súa cámara (de xeito que pode servir para reproducir vídeo, amosar información, visualizar o contido captado por cámaras de seguridade...).
Outro produto que experimenta a súa renovación é o Echo Auto, que fai de sistema de mans libres no automóbil, facilitando tanto a realización de chamadas como o control da reprodución multimedia. Coa súa renovación presenta un deseño máis delgado e inclúe un soporte adhesivo para facer máis doada a súa instalación no coche.

O Echo Auto permite integrar Alexa no noso vehículo

PUBLICIDADE