Amazon trae a España as súas tabletas con pantalla de 10,1"
mércores, 28 de abril do 2021
As tabletas de Amazon teñen un grande éxito comercial pese a
carecer da tenda de aplicacións de Google, xa que contan cunha relación
calidade-prezo sen competencia, pero en España estes dispositivos limitábanse
aos modelos con pantallas de 7 e 8 polgadas, o que por fin se soluciona co lanzamento
da tableta Fire HD 10, que chegará
o 26 de maio a un prezo que parte dos 149,99 euros para o modelo con 32 GB de
almacenamento e publicidade integrada, e chega até os 204,99 euros para o
modelo con 64 GB de almacenamento sen publicidade.
A Fire HD 10 ten unha pantalla Full HD de 10,1, procesador de 8 núcleos, 3 GB
de RAM e unha autonomía de até 12 horas, polo que non estamos ante unha tableta
de alta gama, senón dun produto que busca cubrir de xeito bastante xusto as
demandas do público máis amplo, que simplemente queren un trebello para acceder
á Internet e consumir contidos audiovisuais.
Aínda que as tabletas de Amazon conten cun catálogo reducido de aplicacións, si
conta coas máis importantes (Prime Video, Netflix, Spotify, Instagram,
Facebook, TikTok, Twitter, Skype, Twitch...), entre as que non falta o Office
de Microsoft (de xeito que os subscritores de Office 365 poderán utilizar a
tableta para tarefas de produtividade) e para o consumo audiovisual incluso
presume do soporte de son Dolby Atmos.