Amped Wireless estrea un adaptador para mellorar a recepción Wi-Fi de portátiles e tablets con Windows 8

martes, 30 de abril do 2013 Marcus Fernández

Ante a emerxencia de numerosos tablets e portátiles con Windows 8, Amped Wireless incorpora ao seu catálogo o seu adaptador Wi-Fi TAN1, deseñado pensando neste tipo de dispositivos, e que busca respectar a súa estética cun formato moi fino á vez que contribúe a establecer conexión a redes sen fíos a unha distancia moi superior que coa antena interna integrada nos mencionados equipos.
O TAN1 de Amped Wireless ten o tamaño dun bolígrafo (11,4 x 1,5 x 1 centímetros), conéctase ao equipo con Windows 8 por USB 2.0 e inclúe no seu interior 2 antenas de alta ganancia (2 dBi), 2 amplificadores de 600 mW e amplificadores para a recepción sen fíos, moi doada de instalar e que inclúe unha pinza para engancharse comodamente á pantalla do portátil ou ao marco do tablet, permitindo que poidamos conectarnos á nosa rede Wi-Fi doméstica dende calquera curruncho do fogar ou dende o xardín reducindo os cortes que son tan habituais a certa distancia do noso router.
Este dispositivo é compatible con redes sen fíos na banda dos 2,4 GHz (IEEE 802.11b/g/n) e o seu prezo é de 59,99 dólares (45,57 euros). Comezou hoxe a súa distribución nos EE.UU.

PUBLICIDADE