Android estreará versión 5.1 a finais de mes

mércores, 4 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Indonesia estreará este mes 3 terminais con Android One

A versión de Android alcumada como Lollipop está a chegar moi lentamente ao mercado, con varios fabricantes que non foron capaces de cumprir os prazos prometidos aos usuarios de actualizar os seus dispositivos insignia antes de tres meses, e posiblemente iso suporá que Android 5.0 vaia ser unha numeración relativamente fugaz, xa que parece que este mesmo mes veremos o lanzamento de Android 5.1, que manterá o nome Lollipop (seguindo os pasos de Jelly Bean, que abarcou varias numeracións distintas).
As informacións que desvelaron a chegada de Android 5.1 chegan dende Indonesia, onde está a prepararse o lanzamento de varios terminais con Android One para finais de mes, dos que non só detallaron que terán pantalla FWVGA de 4,5 polgadas, procesadores de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 GB), dobre SIM, cámaras de 5 e 2 Mpíxeles e batería de 1.700 mAh, senón que tamén concretaban que incluirían a última versión de Android (5.1) da que non había información oficial até o momento. Parece que así moitos terminais pasarán de Android 5.0.2 a 5.1, aínda que tamén parece probable que os trebellos que aínda non recibiran Lollipop saltasen directamente de Android 4.4.x a Android 5.1.
Aparte dos terminais con Android One, tamén se espera que en poucas semanas chegue Android 5.1 aos dispositivos da familia Nexus (xa hai evidencias das actualizacións para os Nexus 5, 6 e 9), e entre as novidades que incluiría figurarían melloras de estabilidade, xestión de memoria e consumo de batería, así como un cambio no xeito de xestionar as conexións Wi-Fi e Bluetooth dende o menú de configuración rápida (que levará ao apartado de configuración correspondente de cada opción, en vez de activala ou desactivala), que aínda que non sexa algo fundamental, si supón un avance no menú de configuración para facer que o seu comportamento sexa máis uniforme.

PUBLICIDADE