Aparece un móbil con soporte de ata 4 tarxetas SIM

luns, 25 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Aínda que no mercado europeo os móbiles con dobre SIM son toda unha rareza da que foxen as compañías de telefonía para evitar que os usuarios poidan gozar de varias tarifas de voz simultáneas, noutros países a cousa é ben distinta, e os terminais con soporte para múltiples tarxetas SIM son o máis habitual, en boa medida por mor dos problemas de cobertura que teñen as distintas operadoras, chegando este elemento ao extremo co OTECH F1, un móbil que permite colocar no seu interior ata 4 tarxetas SIM, á vez que integra un teclado QWERTY, pantalla táctil de 2,4 polgadas, televisión, sintonizador de radio FM, Bluetooth e cámara supostamente de 12,1 Mpíxeles (que na práctica parece ser 0,3 Mpíxeles).
Non estamos precisamente ante un terminal de alta gama, pero o feito de que sexa capaz de recibir chamadas ata de 4 tarxetas SIM distintas será razón máis que suficiente para que máis de un opte por este interesante móbil, que poderían agradecer especialmente os usuarios que se movan por varios países ou que conten con varios números de teléfono e que queiran atendelos de xeito independente dende un único terminal.

PUBLICIDADE