Apple Vision Pro: «o futuro traído ao presente»

venres, 23 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Tras moitos anos de rumores e filtracións chegou finalmente ás tendas estadounidenses o produto máis agardado do ano: o visor Apple Vision Pro. Polo momento non están á venda en España e o seu prezo é bastante elevado (parte dos 3.500 dólares sen impostos), pero iso non foi impedimento para que moitos europeos conten xa co seu dispositivo, converténdose en pioneiros do que Apple chama computación espacial.
Para entender mellor o que supón un produto desta índole quixemos falar cun dos seus afortunados posuidores, o avogado especializado en Dereito TIC, Víctor Salgado.

– Que foi o que che levou a facerte cunhas Vision Pro?
– Dende que teño uso da razón, son un apaixonado da tecnoloxía. Tiven a fortuna de vivir os primeiros ordenadores persoais, o xurdir da Internet e a revolución móbil. A presentación de Apple Vision Pro tróuxome unha sensación moi semellante á que sentín cando vin, con 12 anos, aquel ZX Spectrum no escaparate ou cando probei o primeiro iPhone en 2007. Sabía que sería un antes e un despois na informática persoal.

– Foi complicado adquirir o visor dende España?
– Desde logo, non foi sinxelo aínda que contei coa inestimable axuda de outros apaixonados da tecnoloxía que me guiaron e axudaron no proceso. Valorei a posibilidade de viaxar aos EE.UU. pero finalmente non foi necesario pois unha persoa de confianza o recolleu e o enviou desde alí. Iso si, ademais de que o envío debe ir con seguro (importante), hai que ter en conta o imposto de aduanas e o IVE á entrada na UE.

– Que sensacións tiveches a primeira vez que puxeches as Vision Pro? Que é o que máis destacarías?
– Pois curiosamente levei unha decepción inicial, posto que lera tantas reviews esaxeradamente optimistas que a imaxe da realidade que saía do meu entorno parecíame con menos calidade do que esperaba. Iso si, foi algo temporal posto que, cando probei as fiestras e os contidos xerados polo dispositivo, comprobei que isto si estaba á altura do publicado. Incluso por enriba. A miña experiencia entón confirmou as miñas expectativas: Isto cambia todo.

– Como reaccionaron os teus achegados ante o dispositivo?
– O primeiro que mos roubou foi o meu fillo de 18 anos. Ao principio tamén se sorprendeu do pouco fiel que se vía a realidade a través de Vision Pro pero, en canto abriu a primeira fiestra, gustoulle moito que quedase cravada no sitio, por moito que se movese. Sen dúbida, na súa opinión era moi diferente ás súas experiencias previas en realidade virtual. Isto era outra cousa. Pola súa parte, a miña muller non se inmutou pola representación da realidade pois gustoulle que se diferenciase dos contidos creados polo dispositivo os cales lle pareceron moi atractivos e totalmente de estilo Apple e, ao ver a demo audiovisual, impresionoulle moito: "o futuro traído ao presente". Hai que dicir que ela sempre rexeitou as experiencias en realidade virtual e, de feito, mareouse sempre que as probou. Até agora. Isto, en efecto, é outra cousa.

– O uso deste tipo de dispositivos pode ser o consumo audiovisual, os videoxogos e a produtividade. No caso das Vision Pro onde pensas que destacará o produto?
– Sen dúbida, no seu estado actual, o dispositivo destaca pola súa experiencia audiovisual. O consumo de contidos nótase que foi moi coidado e a experiencia de cine en casa é inigualable, por moito que sexa a túa televisión e sistema de son. Isto supera todo. Os videoxogos, porén, non destacan especialmente e os hai moi superiores na realidade virtual doutras plataformas como Meta Quest ou PC. Por outro lado, a produtividade apunta maneiras aínda que aínda ten moita marxe de mellora tanto no propio sistema operativo (visionOS) como nas aplicacións de terceiros desenvolvedores.

– Probaches a traballar utilizando as Vision Pro a xeito de monitor do teu ordenador? Realmente esta tecnoloxía pode facer que digamos adeus aos monitores físicos?
– Esta é unha das funcionalidades ás que lle tiña máis ganas e a miña experiencia foi de sentimentos encontrados. Primeiro probei cun MacBook Pro con procesador Intel e, aínda que agradezo que se poida usar pois todo apuntaba a que só fose compatible cos procesadores Apple Silicon, a experiencia está lonxe de ser óptima pois, tanto en definición como en tempos de resposta, parece demasiado a un VNC ordinario. Iso si, o feito de poder ampliar unha pantalla de 16 polgadas a outra de 30 ou máis, cambia totalmente a experiencia do traballo en mobilidade.
Iso si, cando puiden probar esta funcionalidade cun iMac con procesador Apple Silicon, tanto a definición como os tempos de resposta melloraron radicalmente. Até o punto de non notar diferenza algunha respecto ao traballo en local, coa excepción do tamaño enorme de pantalla, claro.
En definitiva, si, creo que os monitores poden ter os días contados. E, de paso, os televisores, unha vez se implementen experiencias compartidas. De momento, a experiencia é moi solitaria.

Pola miña parte, iso si, tomei a decisión de intentar traballar xa sen monitor na mesa do meu despacho. A ver o que me dura!

– A reprodución de vídeo en 3D e de vídeo envolvente é francamente impresionante nas Vision Pro. Cres que iso terá un impacto real no sector audiovisual, até o punto de que revitalice a produción de contidos estereoscópicos? Conseguirá Apple trunfar onde fracasaron os televisores 3D para o salón?
– Francamente, despois de ver a demostración dos dinosauros así como os vídeos envolventes como a famosa actuación privada de Alicia Keys ou a vista dun partido de fútbol a pé de campo, creo que estamos ante o inicio dunha verdadeira revolución dos contidos audiovisuais. Honestamente, a película 3D á que estamos afeitos, soa case como a película en branco e negro diante do que nos espera. Iso si, o custo do equipamento e produción destes contidos será prohibitivo a curto prazo pero, vendo tamén os contornos xerados por Disney para a súa aplicación en Vision Pro, a revolución xa comezou.
Como ben dixo o meu socio despois de probar a experiencia dos dinosauros, queda moi pouco para ser parte da película e non limitarnos a vela. Non puiden evitar pensar no holograma da quenlla en Regreso ao Futuro II. Xa estamos máis preto.

– Cres que remataremos vendo á xente con visores (do tipo que sexan) no transporte público? Ou realmente o de sacar os visores fóra de casa quedará simplemente para os influentes que buscas visibilidade nas redes sociais?
– Francamente, creo que aínda falta bastante para que as persoas utilicen estes dispositivos pola rúa, como nos quixeron facer crer algunhas imaxes que vimos estes días no estranxeiro. As Apple Vision Pro, no seu estado actual, só están pensadas para o seu uso en interiores e en condicións moi estables. Si, poden utilizarse nun medio de transporte pero só grazas a unha opción especial que hai que activar e a experiencia está lonxe de ser tan óptima como a estática.
Iso si. Non me cabe dúbida de que futuras versións, moito máis lixeiras e optimizadas, nos permitirán usalas en outros contornos cada vez máis amplos e, si, un día velas pola rúa será algo tan ordinario como velas hoxe a persoas co móbil. Non esquezamos que non hai tanto tempo iso causaba burla e nos afixemos moi rápido.

– Recomendarías a compra dunhas Vision Pro?
– Hoxe por hoxe, non. É unha investimento importante e tes que ter moi claro que é un produto inacabado e nos seus primeiros pasos. Algo parecido ao que foi o primeiro ordenador persoal, sen teclado nin pantalla sequera, ou o primeiro iPhone, sen aplicacións de terceiros e cunha conexión á Internet enormemente lenta. Tes que ter moi claro que é o que estás a mercar: o caro privilexio de anticipar o que sen dúbida será o futuro da informática persoal, pero que aínda está en cueiros.
Iso si, recomendaría a todo o mundo que probe a experiencia. A ninguén deixa indiferente.