Apple actualiza os seus iMac, MacBook e MacBook Pro

martes, 6 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Cando visitamos a páxina web de Apple vemos que na súa sección aparecen boa parte dos MacBook e iMac marcados cunha etiqueta que indica que son novos, pois aproveitouse a WWDC para unha actualización dos equipos que estaría na liña das actualizacións silenciosas que chegan cada poucos meses, centrándose nesta ocasión en incrementar a potencia gráfica, integrar procesadores máis rápidos e incluso instalar unidades SSD máis veloces, o que resulta de grande interese para quen teña pensado renovar o seu equipo en breve.
Os novos iMac por fin integran os novos procesadores Kaby Lake de até 4,2 GHz, en tamaño de 27 polgadas adoptan as unidades Fusion Drive como estándar (mentres que na versión con 21,5 polgadas é a súa configuración máxima), as unidades SSD son un 50% máis rápidas e incorpórase Thunderbolt 3 para conseguir unha maior potencia e versatilidade. As pantallas tamén son un 43% máis brillantes e ofrecen un maior número de cores (conseguindo un maior realismo).
No que se refire aos MacBook, tamén cóntase agora cos novos procesadores Kaby Lake (até un Core i7 a 1,3 GHz con Turbo Boost a 3,6 GHz), unidades SSD un 50% máis rápidas e un deseño de só 13,1 milímetros (converténdose no MacBook máis delgado e lixeiro até o momento).
O MacBook Pro de 13 polgadas tamén recibe os procesadores Kaby Lake (até un Core i7 a 3,5 GHz con Turbo Boost a 4.0 GHz), mentres que o modelo con 15 polgadas pode contar até un Core i7 a 3,1 GHz (con Turbo Boost a 4.1 GHz). Tamén é salientable que baixasen a barreira de entrada dos MacBook Pro, que en vez de partir de 1.699 euros ten agora un modelo de 1.499 euros (sacrificando almacenamento interno, que queda agora en só 128 GB).
Aínda que non figura como destacado na web, o MacBook Air de 13 polgadas tamén actualizou o seu procesador (contando agora con Intel Core i5 a 1,8 GHz con Turbo Boost até 2,9 GHz).

PUBLICIDADE