Apple amosa os seus novos iPad e MacBook Pro

martes, 22 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Esta tarde o Yerba Buena Center de San Francisco acubillou a que parece que será a derradeira presentación de Apple no que resta de ano, completando a actualización do seu catálogo de produtos como era de agardar, cunha serie de anuncios moi previsibles (novos iPad e MacBook Pro) e unha agradable sorpresa: a actualización de OS X coñecida como Mavericks pode descargarse de balde dende hoxe mesmo, en vez de ter que pagar pola mesma como viña a ser habitual.

Novos iPad


O produto estrela da xornada podiamos dicir que foi o iPad Air, unha revisión do último iPad que conseguiu adelgazar en grosor (un 20%), en volume (un 24%) e en peso (un 28%, quedando en só 469 gramos) á vez que adopta unha forma semellante ao do iPad mini e un procesador A7 de 64 bits como o que xa vimos no iPhone 5S, reducindo lixeiramente o prezo do modelo actual, de xeito que agora poderase mercar o iPad Air por 479 euros con 16 Gb de almacenamento interno, ofrecéndose tamén en capacidades de 32, 64 e 128 Gb a prezos que van en chanzos de 90 euros en vez dos 100 euros habituais nos seus modelos con Wi-Fi, mentres que cada versión con conectividade móbil incrementaría o seu prezo en 120 euros. Os seus deseños tamén seguen a liña do iPhone 5S, e venderase en cor gris espacial ou prata a partir do 1 de novembro.
Outro produto predicible era o novo iPad mini con pantalla Retina, que adopta unha pantalla de 7,9 polgadas cunha resolución de 2.048 x 1.536 píxeles (326 puntos por polgada) e procesador A7 de 64 bits, polo que desta volta estaría á altura do seu irmán maior, diferenciándose principalmente no seu factor de forma, de aí que o seu prezo suba para o modelo de 16 Gb de almacenamento interno ata os 389 euros, podendo adquirirse tamén en tamaños de 32, 64 e 128 Gb en chanzos de prezos de 90 euros e, novamente, con versión con conectividade móbil por 120 euros adicionais. Sairá á venda durante o mes de novembro en cor gris espacial ou prata.
Paralelamente Apple manterá en catálogo o iPad mini, en modelos gris espacial e prata, pero só con capacidade de 16 Gb a un prezo de 289 euros para a versión Wi-Fi e a 409 euros para o modelo con 4G, buscando atender a demanda de dispositivos a un prezo máis asumible, como o iPad 2, que tamén mantense en catálogo a un prezo de 379 euros (Wi-Fi) e 499 euros (4G).

Novos Mac


Os ordenadores de Apple que quedaban por actualizar este ano eran os MacBook Pro con pantalla Retina, e hoxe déronse a coñecer os seus novos modelos con procesadores Haswell, o que permite, entre outras cousas, que consigan unha autonomía de ata 9 horas no modelo de 13 polgadas e de ata 8 horas no de 15 polgadas, o que supón unha boa mellora fronte as 7 horas que conseguía o modelo anterior, ao que tamén gañan en rendemento grazas aos novos procesadores e ás novas gráficas. O sistema de almacenamento masivo destes equipos, as súas unidades SSD, tamén incorporan unha nova xeración desta tecnoloxía que consegue mellorar a súa velocidade un 60%, o que agradecerán especialmente os usuarios que precisen de traballar con grandes proxectos de edición fotográfica ou de vídeo.
No que se refire a prezos, os novos MacBook Pro de 13 polgadas parten dos 1.329 euros para unha configuración cun procesador Intel Core i5 de dobre núcleo a 2,4 GHz, 4 Gb de RAM e 128 Gb de SSD; mentres que o modelo de 15 polgadas cun procesador Intel Core i7 de catro núcleos a 2 GHz, 8 Gb de RAM e 256 Gb de SSD parten dun prezo de 2.029 euros.

Pese ao seu tamaño de só 25,1 x 16,7 centímetros, o Mac Pro é un dos equipos máis potentes do mercado

Nun rango de prezos ben distinto está o anticipado equipo de sobremesa para uso profesional, o Mac Pro, que poderá adquirirse a partir do mes de decembro, e preséntase en 2 configuracións básicas que consisten nun equipo con procesador Intel Xeon E5 de catro núcleos a 3,7 GHz, 12 Gb de RAM, 2 gráficas AMD FirePro D300 con 2 Gb de VRAM GDDR5 cada unha e 256 Gb de almacenamento flash por 3.049 euros e cun procesador Intel Xeon E5 de seis núcleos a 3,5 GHz, 16 Gb de RAM, 2 gráficas AMD FirePro D500 con 3 Gb de VRAM GDDR5 e 256 de almacenamento flash por 4.049 euros.

PUBLICIDADE