Apple celebra o Día Mundial da SIDA cunha importante campaña baixo a marca (RED)

luns, 24 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Co gallo da celebración o vindeiro 1 de decembro do Día Mundial da SIDA dende Apple quixeron reforzar o seu apoio á loita contra tal enfermidade a través do seu programa (RED) polo que, aparte de comercializar os seus produtos físicos de cor vermella dos que destinan os seus beneficios á loita contra a SIDA en África engaden unha selección de aplicacións á App Store baixo a mesma fórmula e tamén anuncian que durante as vindeiras dúas semanas doarán unha parte das vendas nas súas tendas físicas e virtuais, o que podería supor unha achega á causa benéfica moi importante, xa que o período indicado comprende o Black Friday e o Cyber Monday, dúas das datas de maior consumo do ano.
Dende hoxe e ata o 7 de decembro teremos 25 aplicacións (RED) na App Store, con novos contidos exclusivos, que achegarán os seus beneficios á causa; o vindeiro venres (Black Friday) nos EE.UU. Apple regalará tarxetas de agasallo aos compradores de certos produtos nos EE.UU. dos que unha parte tamén irá a parar ao fondo para a loita contra a SIDA; e o día 1 de decembro (Cyber Monday) Apple donará unha parte de todas as compras nas súas tendas físicas e virtuais.
Entre as aplicacións que figuran nesta campaña destacan xogos de peso como Angry Birds, Bubble Witch 2, CSR Racing, Clash of Clans, Cut the Rope 2, FarmVille 2: Country Escape, Frozen Free Fall, Rayman Fiesta Run ou FIFA 15 Ultimate Team, ou aplicacións como Paper by FiftyThree, Over e GarageBand, polo que é de agardar que esta canle poida supor unha importante achega ao programa (RED).