Apple e Meta deberán pagar 500 e 200 millóns de euros respectivamente por vulnerar a DMA

mércores, 23 de abril do 2025 Redacción

A Comisión Europea anunciou hoxe dúas decisións pioneiras baixo a Lei de Mercados Dixitais (DMA): impuxo unha multa de 500 millóns de euros a Apple e outra de 200 millóns de euros a Meta, por incumprimentos relacionados coas súas obrigas como gatekeepers dixitais. Apple e Meta teñen 60 días para cumprir coas decisións da Comisión. En caso contrario, poderían enfrontarse a multas periódicas adicionais.

Apple: restricións á liberdade de información para os desenvolvedores

Segundo a DMA, Apple debe permitir que os desenvolvedores de aplicacións informen aos usuarios sobre ofertas alternativas fóra da App Store, os redirixan a esas ofertas e lles permitan facer compras directamente, sen custos adicionais nin restricións.
Porén, a Comisión constatou que Apple impuxo limitacións técnicas e comerciais que impiden aos desenvolvedores aproveitar plenamente estas opcións, e aos consumidores acceder a ofertas máis económicas. Apple non foi quen de demostrar que estas restricións fosen necesarias nin proporcionadas.
A Comisión ordenoulle á empresa que elimine estas restricións e se absteña de volver adoptar condutas semellantes. A contía da multa reflicte a gravidade e duración do incumprimento.
Cómpre lembrar que tamén se anunciou o peche da investigación sobre as obrigas de liberdade de elección de usuario por parte de Apple, tras a súa colaboración para introducir solucións de cumprimento satisfactorias.

Meta: o modelo publicitario de consentimento ou pagamento non é dabondo

En novembro de 2023, Meta implantou na UE un modelo publicitario binario para Facebook e Instagram: ou se aceptaba o uso de datos persoais para publicidade personalizada ou se pagaba unha subscrición mensual para non ver anuncios.
A DMA obriga os gatekeepers a ofrecer unha alternativa menos personalizada, pero funcionalmente equivalente, para quen non consinta o uso dos seus datos. A Comisión concluíu que o modelo de Meta non respecta esta obriga, pois non ofreceu unha verdadeira opción alternativa e non permitiu un consentimento libre e específico por parte dos usuarios.
En novembro de 2024, Meta introduciu unha nova opción que di empregar menos datos persoais. A Comisión está a avaliar este novo modelo, mais a decisión anunciada hoxe refírese ao período entre marzo e novembro de 2024, durante o cal a única opción dispoñible era o modelo binario.
Ademais, a Comisión decidiu que Facebook Marketplace deixa de estar suxeito á DMA, ao constatar que en 2024 tivo menos de 10.000 usuarios empresariais, non cumprindo así os requisitos para ser considerado unha plataforma de intermedicación relevante.
A resposta de Meta a esta resolución da Comisión Europea pode considerarse bastante cínica, xa que emprega o argumentario político de Donald Trump asegurando que non se trata dunha multa, senón dun imposto aplicado por Europa a empresas de fóra. Tamén aseguran que a Comisión quere que Meta ofreza un servizo de inferior calidade, prexudicando indirectamente á empresas europeas que contratan publicidade personalizada.